Abel Caballero anunciou que a derruba da parte pendente de Marcador -que acollía os transformadores eléctricos- comeza este xoves
O alcalde explicou este mércores o alcance da modificación do proxecto que a Xunta de Goberno Local prevé validar este xoves, cambios de carácter “técnico” que responden á aparición de elementos no subsolo dos que non se tiña constancia e que obrigan ao desvío de canalizacións, por exemplo.
A modificación “non incrementa nin un só céntimo o custo da obra e non afecta en absoluto ao prazo de execución”, afirmou Caballero, quen datou a posta en marcha da nova bancada a inicios do próximo ano: “Quero ser un pouco conservador nisto, principios do ano que vén, aínda que é certo que se pode adiantar”.
A obra avanza e este xoves entra nunha nova fase co inicio da demolición da pequena parte do vello Marcador que quedaba en pé. «Quedou pendente porque acollía os transformadores eléctricos que permitían a iluminación do campo», en verbas de Caballero. “Xa hai outro espazo para acollelo e mañá (xoves) comeza a demolición”, despois de que este mércores chegue a maquinaria. Está previsto que a derruba se prolongue “uns poucos días”.

