O Concello aproba investimentos en Teis por valor de máis de 2 millóns de euros

A Xunta de Goberno Local deu luz verde este xoves ao proxecto de cubrición do patio do Ceip Frián Teis (451.518 euros), ao proxecto do edificio da sala de lectura do edificio da Tesourería (850.000 euros) e á contratación das obras da rampla mecánica para o Centro de Saúde de Teis (1.308.000 euros)

O alcalde puxo en valor o investimento aprobado hoxe para Teis na Xunta de Goberno Local que acada un importe total superior as dous millóns de euros. O proxecto básico e de execución de cubrición do patio no Ceip Frián Teis foi aprobado por un importe de 451.518 euros e un prazo de execución de 4 meses. As obras inclúen unha cuberta lixeira no patio exterior, translúcida, composta de paneis realizados con placas de policarbonato e pechada parcialmente cun faldrón continuo. Crearemos unha zona porticada de comunicación entre o patio e o interior do centro escolar para que o alumnado poida desprazarse por esa zona cuberta nos días de choiva sen mollarse. Aproveitando o desnivel, crearase un espazo para almacenaxe e unha pequena bancada no espazo de diferente cota entre o terreo e a pista deportiva.Amais, renovarase o pavimento da pista deportiva, actualmente en mal estado, e vai adaptarse a zona verde axardinada da nova edificación. O alcalde explicou que tamén se canalizarán os colectores enterrados de recollida de augas pluviais, instalarase iluminación na zona de almacén e de xogos.

Biblioteca de Teis

A Xunta de Goberno aprobación tamén o proxecto de edificio para uso de sala de lectura-biblioteca no antigo inmoble da Tesourería da Seguridade Social de Teis. Abel Caballero explicou que o estudo do edificio determinou que debe ser derrubado, dado o seu estado, polo que se construirá unha nova nova edificación no número 54 da rúa Enrique Lorenzo, para o que se conta cun orzamento de licitación de 850.000 euros.

O Concello farase coa edificación enteira, dado que cambia a proposta inicial de cesión por parte da Tesoureiría. Polo tanto, erguerase un novo edificio composto de baixo porticado e planta alta cunha ocupación proposta de 50 postos de lectura e unha superficie construída de case 300 metros cadrados. A execución das obras comezará coa demolición total do edificio existente, o baleirado da parcela e a comprobación do estado do subsolo antes de proceder á nova construción.

Rampla do Centro de Saúde de Teis

O rexedor deu conta do inicio da contratación das obras do proxecto de mellora de accesibilidade na contorna do Centro de Saúde de Teis, onde se instalará unha rampla mecánica, de case 50 metros de longo, na rúa Ángela Iglesias Rebollar, que acada nalgúns puntos unha pendente do 30% e que “é difícil de subir” para moitos usuarios do centro sanitario.

A obra ten un importe de 1.308.000 euros para acometer unha rampla que salva a elevada pendente da rúa e que estará protexida da climatoloxía por unha estrutura de cubrición formada por pórticos metálicos e cerramento en vidro laminado. Amais, renovarase o pavimento en todo o ámbito da actuación, a rúa quedará humanizada con beirarrúas e zonas axardinadas con 1,2 metros en cada lado. As actuacións inclúen a renovación da rede de abastecemento, a rede de fecais e da canalización da iluminación así como a instalación de novo mobiliario urbano con papeleiras, bancos e unha estatua na honra de Ángela Iglesias Rebollar.

O Concello actuará nese ámbito no regulamento do cruzamento da rúa Ángela Iglesias Rebollar coa Avenida de Galicia mediante semáforos e o paso de peóns na Avenida de Galicia, fronte ao número 106, que é unha zona de tráfico complicada.