O Pleno debate este mércores desde as nove horas a aprobación definitiva das contas do Concello para o próximo ano, «as máis elevadas da historia da cidade con 285,5 millóns de euros, sen débeda, conxelando os impostos e con 41,6 millóns de investimentos»
A Corporación debaterá este mércores o orzamento do Concello para o próximo ano. A sesión plenaria para a súa validación definitiva comezará ás nove da mañá e a maioría do goberno presidido por Abel Caballero avalará previsiblemente o documento. “Unha vez máis teremos os orzamentos de Vigo vixentes o un de xaneiro”, manifestou o alcalde: “Seguimos sendo un Concello serio e solvente, que cada ano elabora os seus orzamentos e os aproba”.
Desde o 2008, ano do primeiro orzamento aprobado con Caballero na Alcaldía, «serán catorce anos de aprobación de contas en tempo e forma, mostra da solvencia da acción municipal», segundo valorou este martes o alcalde en rolda de prensa. Para Caballero, “isto non sucedera nunca na historia desta cidade e moi pouquiñas cidades de Europa poden amosar algo así”.
O documento eleva a contía ao seu tope histórico, 285,5 millóns de euros que supoñen un 8,14% máis que a deste 2021, que foi de 264 millóns. Caballero puxo en valor que continúa a “débeda cero” no Concello e Vigo goza da menor presión fiscal das urbes galegas e “moi inferior” á medida das cidades españolas. Ademais, «se abona aos provedores en oito días e as taxas e impostos municipais non subirán o ano que vén» sinala.

