O Concello aproba a rehabilitación integral do Pazo da Raposeira

Infografía da rehabilitación proxectada.

A Xunta de Goberno local deu luz verde este xoves ao proxecto de rehabilitación e acondicionamento do espazo, que ten un orzamento de 1.850.000 euros, e que supoñerá a posta en valor do monumento

O Concello de Vigo acometerá a recuperación do Pazo da Raposeira, situado en Sárdoma, cun investimento total de 1.850.000 euros, a meirande parte procedente de Fondos Europeos Next Generation EU, a través dunha subvención de 1.495.000 euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

O rexedor explicou en rolda de prensa que o Pazo da Raposeira é un “monumento de gran valor arquitectónico e histórico. Formaba parte dun vello convenio dos anos 80 cun supermercado da contorna, que debía entregalo ao falecer os propietarios”, e foi recibido en estado “lamentable”, polo que é necesaria a rehabilitación de xeito “integral”.

Tal e como explicou, as actuacións inclúen a mellora da envolvente térmica coa substitución das carpinterías exteriores, a eliminación de elementos estruturais non conformes introducidos en actuacións recentes, a restitución da estrutura do teito e do piso superior en mal estado, a limpeza dos revestimentos das paredes e solos da capela mediante a creación dun novo pavimento de pedra, o saneamento e limpeza da fábrica de granito existente e unha mellora da accesibilidade.

Ademais, está prevista a rehabilitación das edificacións exteriores (palleira, crucería, estanque, mesas, columnas), así como a recuperación do xardín francés e o saneamento e limpeza do muro exterior de peche da parcela