O goberno local aprobou un incremento de 58.000 euros no programa Xantar na casa para aumentar a 200 os beneficiarios que ata o de agora eran 120
Trátase dunha iniciativa complementaria ao Servizo de axuda no fogar dirixida a colectivos de persoas maiores ou dependentes
A Xunta de Goberno local deu luz verde ao incremento en 80 prazas do programa Xantar na casa o que supón un aumento orzamentario de 58.000 euros, pasando de 70.000 en 2020 a 128.000 en 2021. Deste xeito serán 200 os beneficiarios dunha iniciativa social de atención nutricional dirixido a colectivos de persoas maiores ou en situación de dependencia.
Segundo explicou o rexedor, trátase dun apoio de alimentación no domicilio que funciona os 365 días do ano, levando a estes fogares a comida elaborada por nutricionistas e facendo un seguemento destas persoas vulnerables, evitando situacións de desnutrición, mala alimentación, e mellorando a súa calidade de vida. Prepáranse as dietas en función das recomendacións dos médicos de atención primaria, axustadas a todo tipo de circunstancias persoais (hipertensión, diabetes, celiaquía….).
Xantar na casa é un programa complementario ao Servizo de Axuda no fogar, tentando dotar a estas persoas da máxima independencia. Préstaselles coidados ás persoas que o precisen no seu propio entorno para evitar o desarraigo e atrasar o máximo posible os ingresos en residencias.

