O alcalde pon en valor o labor que desenvolve o goberno municipal coas persoas que viven soas a través da teleasistencia domiciliaria, que é un servizo de balde, para o que non hai lista de espera
A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a modificación do contrato de servizos de Teleasistencia Domiciliaria Municipal, que incrementa un 2,62% o seu importe, acadando un prezo total de 288.000 euros ata o ano 2024.
Tal e como explicou na rolda de prensa o alcalde, este cambio permitirá incrementar en 100 prazas os usuarios deste servizo municipal que “é excepcional” e amais “é de balde, soamente hai que solicitalo e non temos lista de espera, dámoslles o servizo inmediatamente”.
A mecánica de funcionamento da teleasistencia domiciliaria do Concello de Vigo permite que as persoas maiores realicen chamadas de emerxencia, empregando o botón vermello do servizo cando precisan axuda, e ao tempo, o persoal fai chamadas periódicas para comprobar o estado das persoas usuarias ou para facer seguimento dos seus problemas de saúde.
Caballero censurou o servizo de teleasistencia que presta o goberno autonómico por «non ser de balde e por ter lista de espera para empregalo, insto á Xunta a que o dea de xeito gratuíto”.

