O Concello abre o prazo de solicitude da autorización para celebrar as fogueiras de San Xoán

As persoas, entidades e comunidades que desexen organizar cacharelas os días 23 e 24 de xuño teñen ata o vindeiro 10 de xuño para presentar a solicitude no rexistro municipal

O alcalde lembra que non se poderán facer nas praias

As entidades ou particulares que queiran organizar cacharelas para celebrar o San Xoán os vindeiros 23 e 24 de xuño deberán solicitar a autorización municipal que é obrigatoria, tanto se supón a ocupación especial ou temporal de vías e espazos públicos, coma se se realiza en terreos de titularidade privada.

Abel Caballero explicou este mércores que xa se recibiron 5 peticións para organizar as fogueiras seguindo a tradición do San Xoán e incidiu na prohibición de que se celebren nas praias que “son sagradas, son un sistema moi delicado”. Tampouco poden desenvolverse, salvo excepcións, nos parques e xardíns de titularidade municipal, ou preto de calquera elemento do patrimonio histórico ou cultural.

No tocante aos requisitos que deben cumprir as cacharelas, Caballero apuntou que a hora límite de celebración é as 4 da madrugada, tal e como recolle unha orde de ámbito autonómico. Amais, a separación entre cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano será de 12 metros e non se poderán facer preto da liña eléctrica, inmobles, zonas verdes ou xardíns “para ter as mellores garantías”.

As persoas, entidades e comunidades que desexen realizar unha cacharela de San Xoán deberán presentar a correspondente solicitude no Rexistro do Concello, como data límite o 10 de xuño, e acompañala dun plano de localización do espazo onde se situará a fogueira e os seus elementos accesorios. Cómpre ter en conta que a celebración das cacharelas na rúa ou espazos públicos de titularidade municipal só se concederá ás agrupacións ou asociacións veciñais e culturais debidamente constituídas e “sempre que cumpran os requisitos técnicos”.