O Concello abre hoxe a comunicación transversal para peóns de Lepanto a Alfonso XIII

Habilítanse dous pasos de peóns con semáforos e as escaleiras que conectan ambas rúas

Tamén se poñen en marcha novos semáforos nas avenidas de Europa e Castelao

O Concello puxo en funcionamento esta mañá dous novos semáforos na zona que comunica a rúa de Lepanto coa de Alfonso XIII, abrindo a súa vez as escaleiras que comunican ambas rúas.

Na rúa Lepanto, o paso de peóns e o semáforo consisten nunha reposición do existente nesa rúa, contando cun pequeno axuste da súa localización debido ao acceso o túnel. Co obxectivo de dar continuidade a comunicación peonil, habilítanse de novo as escaleiras que desembocan na rúa de Alfonso XIII, situando nese punto o segundo semáforo que permite o cruce de peóns entre as beirarrúas. Como sinalou o alcalde en rolda de prensa, desta forma “estamos contribuíndo a dar maior facilidade e seguridade os peóns” nunha zona “cunha alta capacidade de tránsito”.

Outros novos semáforos

Abel Caballero aproveitou tamén para anunciar a apertura de dous novos semáforos noutros puntos da cidade. O primeiro situado na avenida de Europa, a altura do cruzamento con Tomás Paredes, que será exclusivamente para vehículos de mobilidade persoal. Desta forma facilitarase con maior seguridade a incorporación, entre outros, de bicicletas e patinetes dende a avenida Castelao ao carril calmado da avenida de Europa, xa que se producirá antes da apertura do semáforo de vehículos para que os condutores poidan observar a súa incorporación.

O segundo semáforo abriuse na avenida de Castelao, a altura do número 67, creando un novo paso de peóns. Localízase entre outros dous pasos xa existentes, entre os que existía unha distancia de case 200 metros. Como esclareceu o alcalde “nesta zona producíase o tránsito de persoas de forma irregular en ambos sentidos, motivado pola presenza do Centro de Saúde de Coia, xerando unha situación complexa”.