O Concello abre ao público as instalacións deportivas desde esta fin de semana

Anunciouno este luns o alcalde, quen detallou que a admisión de espectadores a pavillóns, pistas de atletismo, campos de fútbol e piscinas municipais será en función dun aforo máximo, de acordo coa normativa sanitaria vixente e gardando a distancia de seguridade entre persoas

“O próximo sábado se inicia unha nova etapa de afluencia de público ás instalacións deportivas da cidade”. Abel Caballero comunicou este luns a decisión de permitir, desde o próximo sábado, a entrada de seguidores aos partidos e eventos deportivos que teñan lugar nos recintos municipais.

O rexedor detallou o aforo máximo permitido para cada espazo. Así, a central das Travesas poderá acoller ata 150 persoas; a pista vermella, 50; o pavillón do Carme, 84; e a pista de frontón, 50. O pavillón do Berbés presenta un aforo máximo de 50 espectadores, polos 88 do de Bouzas, os 46 de Bembrive, 48 de Coia, 50 de Castrelos, Teis e Coruxo, 38 de Lavadores e Candeán, e os 18 en cada unha das dúas pistas do pavillón de Balaídos. Pola súa banda, os campos de fútbol de Travesas e Navia poderán dar cabida a ata 80 asistentes, a piscina de Travesas permitirá ata 20 e as pistas municipais de atletismo, 150.

Dia das Letras Galegas

No tocante aos campos de fútbol municipais xestionados polas entidades -caso do de Sárdoma, Monte da Mina, Candeán, A Bouza o A Guía, entre outros-, Caballero explicou que o límite de público se establecerá en función de cada grada, mantendo sempre unha distancia mínima de metro e medio ao redor de cada persoa.