A Xerencia de Urbanismo aprobou este martes a convocatoria para outorgar axudas para a mellora da accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios residenciais colectivos, que ten un importe de 100.000 euros en dous anos
“En Vigo hai un número importante de edificios que precisan deste tipo de habilitación, que precisan reformas para trazar a accesibilidade nas vivendas e para salvar estas dificultades seguimos facendo os nosos programas”, expuxo Abel Caballero, ao informar este martes da apertura da convocatoria das axudas para o período 2022-2023.
Tal e como explicou, o programa de axudas está pensado para aquelas vivendas que non dispoñen de ascensor e nas que residen persoas de idade. O Concello destinará 100.000 euros no período 2022-2023.
O importe máximo total a subvencionar por edificio residencial colectivo é de 3.000 euros para actuacións realizadas entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 15 de outubro de 2023. A estas axudas poden acollerse actuacións de primeira instalación de ascensores, ramplas, plataformas elevadoras, varandas ou obras que teñan por finalidade salvar os desniveis existentes entre a beirarrúa e o portal ou entre o portal e o ascensor. Serán as comunidades de propietarios ou grupos de propietarios os que deben presentar as solicitudes tras a publicación no BOP da convocatoria.

