O Comité Executivo aproba por unanimidade a xestora do PP de Vigo, presidida por Ana Ortiz, para que “comece a funcionar de inmediato a prol da cidade e dos vigueses”

O presidente provincial, Luis López, convidou á nova dirixente a “traballar arreo co seu equipo desde xa mesmo para potenciar un proxecto que vai lanzado, tras superar os 50.000 votos nas dúas últimas eleccións, e que está aberto a novas incorporacións”

O Comité Executivo do PP Provincial de Pontevedra, presidido por Luis López, aprobou por unanimidade, nun encontro celebrado onte á noite, a nova xunta xestora do PP de Vigo, que está presidida por Ana Ortiz, delegada da Xunta na cidade en funcións, e da que tamén forman parte Alberto Fuentes, Marta Mariño, Luisa Sánchez, Montserrat Otero, Borja Fontán e Rosa Estévez.

“Xuntámonos con carácter urxente para formalizar e darlle oficialidade á nova xunta xestora, porque a cidade de Vigo e os seus 300.000 veciños merecen a nosa máxima atención, e tamén para que Ana e o seu gran equipo comecen a funcionar de inmediato, con todas as garantías, a prol do concello máis importante de Galicia e dos vigueses”, explicou Luis López.

A nova presidenta da xestora de Vigo, que acudíu como convidada ao Comité Executivo xa que non formaba parte do mesmo ata a data, recibíu un enorme aplauso tras a aprobación do seu nomeamento e moitísimas mostras de cariño dos alcaldes, voceiros e outros compañeiros de todos os concellos da provincia que acudirón á sesión deste órgano.

Posteriormente, Luis López, acompañado pola secretaria xeral, Luisa Piñeiro, e os vicepresidentes Rafa Domínguez e Nidia Arévalo, dirixiuse á nova responsable do PP vigués para convidala a “traballar arreo co teu equipo desde xa mesmo para potenciar o noso proxecto para a cidade, que vai lanzado tras superar con folgura o listón dos 50.000 votos nas dúas últimas eleccións, e co que ademais agardamos seguir ampliando a nosa base social xa que a xestora está aberta a novas incorporacións”.