O Club Natación Mos e o Concello de Mos presentan a XI Edición do Campionato de Natación Escolar Val da Louriña

Vénse de presentar na Piscina Municipal do Pavillón Óscar Pereiro a undécima edición do Campionato de Natación Escolar Val da Louriña. Ao acto de presentación asistiron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o presidente do Club Natación Mos, Adrián Trillo, a concelleira mosense de Deportes, Feli Rodríguez; e os monitores deportivos da Piscina Municipal, Lorena, Salva e Nacho.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Durante a presentación anunciouse que a XI Edición do Campionato Escolar terá lugar o vindeiro 28 de abril, domingo, e nela poderán participar nenas e nenos nacidos entre os anos 2010 e 2017 (ambos inclusive).

O Club Natación Mos, xunto ao Concello de Mos, pon en marcha unha nova edición do Campionato de Natación Val da Louriña, que acada a súa undécima edición o próximo 28 de abril.

“Este Campionato naceu como forma de potenciar a natación no noso Concello, e entre a cativada dos colexios; e seguir garantindo a aparición de novos nadadores de éxito no municipio”, declararon as representantes municipais Arévalo e Rodríguez.

Pola súa banda o presidente do Club mosense, Adrián Trillo, informou de que “este ano a gran novidade do Campionato será a entrega do Trofeo de Campión ao colexio que máis puntos obteña”. Tamén dende o Club Natación Mos destacaron «a gran colaboración que leva habendo dende hai máis dunha década entre o Concello e o Club para sacar adiante un Campionato no que foron descubertos cativos que a día de hoxe son parte do equipo de natación» como tamén agradeceron “o gran labor de todo o persoal da concellería de Deportes de Mos» xa que «a meirande parte dos participantes no campionato veñen dos cursiños municipais, xerme da potenciación da natación no Concello de Mos», salientou Trillo.