A factoría viguesa acolleu a pasada semana a segunda das catro visitas anuais previstas polas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue
A segunda campaña de doazón de sangue que este ano desenvolveu a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), nas instalacións do Centro de Vigo do Grupo Stellantis, e que tivo lugar na segunda quincena do mes de abril concluíu cun excelente resultado de 788 profesionais que doaron sangue e que supón ter acadado unha cifra récord de participación con 68.196 doazóns desde o ano 1995.
No transcurso do presente ano, ADOS ten realizado dúas campañas de doazón no Centro de Vigo do Grupo Stellantis (antigua PSA), acumulando un total de 1.586 doazóns. Neste sentido, a Axencia quere por en valor a contribución dun dos principais centros de referencia do tecido industrial galego que, desde sempre, ten amosado o seu compromiso coa sociedade galega e co solidario xesto da doazón tanto de sangue como de órganos.
Traxectoria solidaria
Hai 26 anos, o Centro de Vigo do Grupo Stellantis comezou a acoller campañas de doazón de sangue promovidas desde a Consellería de Sanidade e que, actualmente, consolidan a esta empresa como un referente a nivel estatal, sendo a empresa española con maior número de doazóns.
Salientar que grazas a colaboración dos 788 profesionais da empresas viguesa que doaron sangue nesta cuarta campaña promovida por ADOS, poderán realizarse, por exemplo, máis de 440 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a preto de 150 enfermos oncolóxicos.
Sensibilización e colaboración
ADOS quere por en valor a implicación e compromiso do Centro de Vigo do Grupo Stellantis co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, especialmente ao longo dos últimos meses coincidindo coa pandemia derivada da covid, circunstancia que pon de manifesto, unha vez máis, a xenerosa colaboración brindada por esta empresa a prol do solidario xesto da doazón de sangue. Esta longa traxectoria de colaboración ten permitido que, ao longo dos últimos 26 anos, a factoría viguesa acumule unha cifra superior ás 68.000 doazóns.