O Centro de Saúde de Porriño estrea mañá novas instalacións

A Xunta de Galicia realizou un investimento de 4.3 millóns de euros na ampliación do centro, que incrementou a súa superficie en 1.100 metros cadrados

As nova estrutura conta cun volume de tres andares que acolle o Punto de Atención Continuada, unha nova área de Fisioterapia, e gran parte dos servizos asistenciais

Esta obra posibilitou incrementar a área de adultos en 6 consultas máis; a de Pediatría en 3;  e o Punto de Atención Continuada creceu en 4 consultas

Tras o remate das obras de ampliación, o centro de saúde de Porriño xa estrea mañá as súas novas instalacións.

Con estas obras, nas que a Xunta de Galicia realizou un investimento de 4.3 millóns de euros, ampliouse a superficie do centro sanitario en 1.100 metros cadrados, que permiten a conseguinte reorganización e redistribución dos seus servizos entre o antigo e o novo edificio. Unha vez rematou esta ampliación, vaise acometer unha segunda fase, que será a reforma do edificio orixinal.

Con este incremento espacial cóntase agora cun novo volume de tres andares que acolle o Punto de Atención Continuada (PAC), ademais da nova área de fisioterapia, e gran parte dos servizos internos do conxunto.

Incremento de 13 novas consultas

Así mesmo a obra leva ao centro a experimentar un incremento moi significativo no número de consultas. Na área de adultos, serán 2 consultas de medicina xeral, 1 de enfermería, 1 de matrona, 1 polivalente, e 1 sala de técnicas. Na área pediátrica, o incremento é de 1 consulta de pediatría, 1 de enfermería especialista e doutra polivalente. Polo que atinxe á zona de PAC, o incremento é de 1 consulta de observación, 2 de medicina e 1 de enfermería.

En total, o centro conta agora cos seguintes espazos asistenciais: 8 consultas de Medicina de Familia, 6 de Enfermería, 1 polivalente, 1 sala de toma de mostras, 1 sala de técnicas, 1 de Farmacia, área de Fisioterapia, área de  Odontoloxía, área de Pediatría (3 consultas de Pediatría e 2 de Enfermería pediátrica), 1 consulta de Matrona, sala de educación sanitaria, despacho Traballador social, despacho de coordinación, sala de estar de persoal, sala de xuntas, e 1 despacho en admisión.

E na área do PAC, 2 Salas de Reanimación/Observación, 3 consultas médicas e 2 consultas de Enfermería, 6 dormitorios, sala de persoal aseos e vestiarios.

Uso da madeira

Nesta obra destaca o uso da madeira, en concreto do piñeiro galego, froito dun acordo entre as Consellerías do Medio Rural e de Sanidade, para a mellora do benestar e a diminución da pegada de carbono. Trátase de crear contornas que favorezan a sensación de benestar nos centros de saúde, así como de impulsar a utilización de materias de orixe biolóxica e reciclables na procura de solucións estruturais verdes que contribúan ao coidado do medio ambiente.