O centro de saúde de Mondariz-Balneario reiniciou hoxe a súa actividade

Tras finalizarse a reforma integral que dotou ao centro dunha nova consulta médica e renovou todas as súas instalacións

O centro de saúde de Mondariz Balneario reiniciou hoxe a súa actividade tras a reforma integral realizada neste edificio.

O obxecto desta obra, na que se investiron 115.912 euros, cofinanciados a partes iguais polo Sergas e o Concello, era ofertar unha mellor resposta ás demandas asistenciais e de promoción e protección da saúde da poboación deste municipio, mediante intervencións que melloraran as dotacións e infraestruturas dedicadas á Atención Primaria.

As obras consistiron na reforma da planta baixa do edificio para destinar o local, que estaba ocupado pola oficina de correos, a unha nova consulta médica. Ademais, incluíron a construción dun baño adaptado e un aseo, a adaptación dos locais libres para almacén e vestiario, e a apertura dunha porta posterior para independizar o acceso á planta alta. A reforma implicou tamén a renovación de todas as instalacións, carpinterías interiores, falsos teitos e acabados interiores de toda a superficie da planta baixa. O centro de saúde de Mondariz-Balneario atende a 667 TIS (Tarxetas Sanitarias Individuais). Durante os cinco meses que duraron as obras, a Área Sanitaria de Vigo  garantiu a continuidade asistencial desta poboación, que foi atendida no centro de saúde do Concello de Mondariz pobo.