Grazas á implicación do equipo de profesionais do centro, a Área Sanitaria puido reorganizar a planificación inicial para manter o horario de atención habitual
A Área Sanitaria de Vigo conseguiu manter a actividade de tarde no centro de saúde de Cangas durante o período estival grazas a implicación e colaboración do seu xefe do servizo, Benigno Villoch, e do resto dos profesionais.
Así, tras as xuntanzas mantidas cos profesionais para valorar as posibilidades organizativas existentes de cara a manter a actividade habitual, acordouse que estes realizarán prolongacións de xornada para asumir toda a demanda.
Polo tanto, este acordo permitiu á Dirección reorganizar novamente a planificación inicial e implementar novas coberturas sobre as xa organizadas para manter asi a atención en xornada de mañá e tarde.
A Dirección da Área permanecerá en contacto permanente co equipo sanitario do centro para facer un seguimento desta decisión e valorar novas medidas correctoras en caso de necesidade. Dende a Xerencia quixeron agradecer publicamente o esforzo destes profesionais que, «unha vez máis, poñen de manifesto o seu compromiso coa súa poboación e coa sanidade publica galega».

