O canadense Bryan Adams actuará o 14 de xullo no campo de fútbol das Travesas

O alcalde confirmou esta mañá que Bryan Adams será outro dos grandes artistas que actuará en Vigo este verán

A cita será o xoves 14 de xullo no campo de fútbol das Travesas e as entradas xa están á venda

O artista canadense Bryan Adams actuará en Vigo este verán coa súa xira “So Happy It Hurts”, que tamén fará parada en Mallorca, Valencia, Illescas e Cádiz. O concerto será o 14 de xullo ás 22,00 no campo de fútbol das Travesas, con aforo de ata 11.000 persoas. As entradas están á venda desde ás 10,00 horas de hoxe e, en apenas unha hora e media, xa se adquiriron 1.200.

Bryan Adams é un dos cantantes e compositores máis aclamados do rock e ás súas costas ten unha carreira de máis de catro décadas de éxitos, grandes xiras internacionais, un premio Grammy e máis de 65 millóns de discos vendidos, entre outros recoñecementos.

Con este concerto, o Concello suma o campo de fútbol das Travesas a espazos de concertos como Castrelos -que este ano acollerá 12 actuacións – e Balaídos para o que xa se anunciou que o ano que vén acollerá seis grandes eventos.

O Concello coorganiza este espectáculo coa empresa X Quatro e coa colaboración a través dun patrocinio publicitario e a cesión do espazo.