O campus da Universidade de Vigo converterase esta semana no centro neurálxico do Rally Recalvi Rías Baixas

Desde o xoves pecharase toda a contorna das instalacións deportivas, pérgolas e aparcadoiro da FFT

O campus de Vigo será este ano o centro neurálxico de operacións da organización do 54º edición do Rally Recalvi Rías Baixas, proba que se celebrará os días 23 e 24 de xullo e na que participarán preto dun cento de vehículos. Puntuable para a nova Copa de España de Rallyes de Asfalto, os preparativos da proba deixaranse sentir no campus desde mañá martes coincidindo co inicio dos traballos de organización para dar acollida ao parque de traballo e á dirección da proba, localizacións que se situarán en diferentes instalacións da Cidade Universitaria.

Debido á celebración deste evento vai haber zonas do campus que permanecerán reservadas á organización durante estas datas. Tal e como se informou desde a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade, o máis salientable é que toda a contorna das instalacións deportivas van permanecer pechadas, así coma a zona das pérgolas próximas á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o aparcadoiro da Facultade de Filoloxía e Tradución. O aparcadoiro substitutivo para a comunidade universitaria será o da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, ao que se poderá acceder desde a circunvalación ou desde a vía que pasa polo edificio de Ciencias Experimentais e Citexvi.

Desde a vicerreitoría informouse tamén que estarán anuladas as paradas do Vitrasa situadas nas proximidades das Facultades de CC Económicas e Empresariais e Filoloxía e Tradución, creándose de modo temporal unha nova parada na circunvalación.

Mantense o formato da anterior edición

Polo que se refire ao formato do rally, a competición seguirá un patrón similar ao que presentou na súa anterior edición. O venres os participantes darán dúas pasadas ao tramo urbano do Castro (ás 17.08 h e ás 19.22 h) contando, despois de cada especial, cun parque de traballo nas instalacións do campus e un reagrupamento en Policarpo Sanz. A xornada finalizará pasadas as 21 horas coa chegada dos participantes ao parque pechado de Policarpo Sanz.

Xa na segunda xornada, os equipos sairán do centro de Vigo para realizar unha asistencia de dez minutos no campus e, posteriormente, acometer a primeira sección do día (formada polos tramos de Vigo-Nigrán, Gondomar-Porriño e Salceda). Tras pasar por un reagrupamento en Porriño, os equipos que sigan en carreira regresarán ao parque de traballo e volverán facer o mesmo bucle de tramos. Para a tarde quedará un novo reagrupamento en Porriño (16.10 h) e as dúas últimas especiais (Vigo-Nigrán e Gondomar-Porriño). A chegada do primeiro participante ao parque pechado final de Policarpo Sanz está prevista para as as 19.45 h.