O Bus Turístico de Vigo comezará a tempada estival o 1 de xuño

Abel Caballero afirmou en rolda de prensa que Vigo “é unha cidade importantísima de primeiro nivel turístico” e saudou retomar as rutas no Bus Turístico desde xuño

O Concello pon en marcha, un ano máis, o servizo de Bus Turístico para que os visitantes poidan coñecer nun percorrido de aproximadamente dúas horas os puntos máis representativos e emblemáticos de Vigo. Este servizo que dará comezo o mércores 1 de xuño, leva 22 anos na cidade ofrecendo aos visitantes unha viaxe singular dos recunchos máis característicos da cidade.

Durante os últimos seis anos, este servizo foi empregado por máis de 37.000 turistas. En concreto, o ano pasado, subiron ao bus turístico preto de 6.000 persoas durante a tempada estival: “É unha ocupación moi interesante”, manifestou o rexedor.

Algúns dos puntos máis significativos de Vigo que poderán coñecer durante o percorrido son: diferentes edificios de interese histórico, monumento aos cabalos (Praza España), Monte do Castro, monumento Porta do Atlántico (praza de América), parque de Castrelos, Museo Quiñones de León e os seus xardíns, Estadio de Balaídos, a praia de Samil, a zona de Alcabre, o porto pesqueiro, entre outros. Ademais destes clásicos, os usuarios do turístico poderán ver durante o percorrido a transformación que a cidade experimentou nos últimos tempos cara un modelo máis accesible (rampas de Gran Vía, ascensores, etc.) e cultural (medianeras que amosan o arte mural de Vigo).

Durante o percorrido, o Bus Turístico realizará tres paradas para que os usuarios poidan baixar e realizar fotografías no Monte do Castro, Castrelos e Samil e así levarse os seus propios recordos da cidade.

Horarios

O Bus Turístico conta con dúas alturas, teito despregable para mellorar aínda más a viaxe dos usuarios e con audioguías en 8 idiomas diferentes (español, galego, portugués, francés, alemán, inglés, italiano e ruso). Ademais conta cunha praza para Persoas con Mobilidade Reducida (PMR). O servizo, que funcionará todos os días, contará con dúas saídas pola maña ás 10:00 e 12:00 horas e dúas saídas pola tarde, ás 16:30 e 18:30 horas. O servizo arrinca na Estación Marítima de Vigo.

O autobús turístico está decorado coas principais iconas da cidade: as Illas Cíes, o monumento aos cabalos de Praza de España e edificios históricos da cidade, entre outros.

Reserva de billetes

A adquisición do billete para viaxar a bordo do Bus Turístico pode realizarse a través de diferentes vías. Os interesados poderán mercar o seu billete online ata unha hora antes da saída do autobús a través da plataforma viguesa de venta de entradas Woutick!. A ligazón para acceder a plataforma estará dispoñible na páxina web de Vitrasa (https://www.vitrasa.es/php/index.php) e en Turismo de Vigo (https://www.turismodevigo.org/). Con este sistema, os viaxeiros poden organizar mellor a súa visita á cidade reservando praza no bus para o día e hora que mellor se adapte a súas necesidades. O billete tamén se pode adquirir a pé de bus con tarxeta bancaria a través de TPV ou en efectivo. O prezo do percorrido é de 7,50 euros para os adultos e de 4 euros para os menores de entre 5 e 14 anos. Os menores de 5 anos viaxan gratis.