O BNG urxe declarar Vigo como zona tensionada da vivenda para frear o grave encarecemento dos alugueiros

Imagen aérea de Vigo.

A fronte nacionalista pide ao Goberno municipal que solicite esta medida á Xunta para despregar as medidas que a nova lei de vivenda prevé para limitar os prezos

Demanda tamén a posta en marcha no Concello dun Observatorio Local da Vivenda que permita facer un seguimento da evolución dos custos dos alugueiros

Xabier P. Igrexas: “Son medidas concretas para comezar a corrixir as consecuencias da nefasta política de brazos caídos da Xunta do PP nos últimos 14 anos”

O Bloque Nacionalista Galego urxe declarar Vigo como zona tensionada da vivenda para frear o grave encarecemento dos alugueiros na cidade. A fronte nacionalista pide ao Goberno municipal que solicite esta medida á Xunta para despregar as medidas que a nova lei de vivenda prevé para limitar os prezos.

Así o demandou este mércores o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen trasladará esta proposta na vindeira Comisión Informativa de Política Social. “Vigo seguimos batendo todos os récords en encarecemento da vivenda”, lamentou, lembrando que na última década o prezo medio dun alugueiro na cidade aumentou en case un 50%, segundo datos do Observatorio Galego da Vivenda, sendo hoxe un 22% máis caro que a media galega.

Un incremento que, subliñou Igrexas, provoca que “practicamente ningunha viguesa ou vigués” poida solicitar as axudas ao alugueiro anunciadas pola Xunta de Galiza, limitadas a alugueiros de 600 euros cando na cidade o prezo medio é xa de 611,2 euros. “Unha situación insoportábel que fai que Vigo sexa a cidade con maior número de zonas tensionadas, un total de 15 barrios, segundo recoñece o Instituto Galego de Vivenda e Solo”, engadiu.

Fronte a esta situación, o portavoz nacionalista considerou urxente reaccionar dende o Concello con esta declaración de Vigo como mercado tensionado da vivenda, seguindo a liña de cidades como na Coruña que, a proposta do BNG, foi solicitada o pasado outubro. “Tendo en conta que na nosa cidade hai o triplo de demandantes de vivenda protexida que os existentes na urbe herculina”, destacou Igrexas.

Observatorio Local dos prezos da vivenda

Na mesma liña, dende o Bloque consideraron “imprescindíbel” a posta en marcha dun Observatorio Local da Vivenda que permita realizar un seguimento da evolución dos prezos para “adecuar as políticas públicas que permitan que as viguesas e vigueses poidan exercer o primeiro dereito que teñen como cidadanía: o de poder habitar a cidade”.

“Son medidas concretas para comezar a corrixir as consecuencias da nefasta política de vivenda da Xunta do Partido Popular que, nos últimos 14 anos, estivo de brazos caídos mentres cada vez máis familias traballadoras e mocidade non se poden permitir o luxo de vivir en Vigo polos prezos imposíbeis da vivenda”, defendeu o portavoz municipal do BNG.