O BNG urxe a remodelación integral das pistas de atletismo de Balaídos

O concelleiro Xabier Igrexas subliña que a cidade non pode seguir cos seus deportistas «tendo que adestrar en pésimas condicións ou facelo fóra de Vigo”

A retirada da xaula de lanzamento tras varias semanas inutilizada é para o Bloque Nacionalista Galego o «último exemplo do total abandono que padecen as pistas de atletismo de Balaídos», segundo apuntou esta mañá o concelleiro da formación nacionalista, Xabier P. Igrexas.

ZFV

O edil lembrou que o BNG demandara xa en maio do ano pasado a necesidade de instalar unha nova xaula sen que o Goberno municipal atendese a petición dos seus usuarios.

Igrexas reclamou que tanto Xunta como Concello abandonen «a lea permanente» e que pola contra comecen a cooperar para facer unha realidade a prometida reforma integral das pistas.

Nese sentido, denunciou que ao estado «lamentable» das instalacións engádese a falla dunha mellora urxente das súas dotacións para atender as demandas dos atletas e iso, na súa opinión, non pasa por «novos parches». «Vigo ten formado atletas de talla olímpica e non podemos seguir cunhas instalacións tan deficientes», reclamou.

A fronte nacionalista demanda unha «aposta en serio polo deporte» que debe tamén concretarse nunha actuación ambiciosa nas pistas de atletismo, as únicas habilitadas na cidade, que unicamente require o compromiso dos gobernos municipal e galego.

«Hai dez anos que ambas as dúas administracións formalizaron o seu acordo para dotar a Vigo dunhas novas pistas, en 2014 subscribiuse un novo convenio, pero todo ficou en papel mollado. Non podemos seguir así, cos nosos deportistas tendo que adestrar en pésimas condicións ou facelo fóra de Vigo», advertiu Igrexas.