O BNG tacha de “incompetente” ao goberno de Mos por acumular preto de 1,7 millóns de euros en facturas impagadas en 2023

Gustavo Barcia (dereita) en campaña con Ana Pontón.

O portavoz municipal nacionalista cualifica de «absoluto desastre» a xestión económica do PP e advirte de que «o descontrol das contas municipais podería levar ao Concello a ser intervido polo Ministerio de Facenda»

O pleno do Concello de Mos aprobou, cos votos a favor do PP, un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 1.673.485 euros, unha cantidade que se destinará a afrontar débedas pendentes do ano 2023.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Neste marco, o BNG amosa a súa oposición ao considerar que este mecanismo de pago, de carácter extraordinario, debería utilizarse esencialmente «ante situacións sobrevidas que non se podían previr nos orzamentos». O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, lamentou que para o PP sexa «unha tradición coma o Nadal» sacar, a principios de ano, «centos de facturas impagadas que estaban no caixón».

A cifra é, con diferenza, a máis elevada en moito tempo, algo que para o BNG «non resulta casual» nun ano electoral. O recoñecemento extraxudicial de crédito aprobado en marzo de 2023 ascendera a 1,2 millóns de euros e en 2022, a algo máis de 950.000. Nesta ocasión, sinalan os nacionalistas, entre os gastos asumidos que non tiñan respaldo orzamentario hai decenas de facturas do departamento de Vías e Obras, «algunhas delas correspondentes a traballos realizados en propiedades de carácter privado», tal como indica Gustavo Barcia, e decenas de miles de euros destinados á produción de merchandising e material propagandístico como calendarios ou postais de Nadal.

Tamén se inclúen, explican desde o Bloque, «entre os gastos sen ningún tipo de contrato nin respaldo orzamentario, todas as facturas da electricidade de abril a novembro, por un importe de 533.000 euros, e outros 200.000 correspondentes ao departamento de Cultura«. Esta última cifra, segundo o portavoz do BNG, resulta especialmente significativa, xa que o orzamento da Concellería para todo o ano ascendía precisamente a 200.000 euros. Isto, en palabras de Barcia, «significa que o PP gastou o dobre do que tiña consignado para todo o ano».

Facturas dubidosas

O portavoz municipal nacionalista cualifica de «absoluto desastre» a xestión económica do PP e advirte de que «o descontrol das contas municipais podería levar ao Concello a ser intervido polo Ministerio de Facenda». Insiste en que «moitas das 670 facturas presentadas son máis que discutibles» e apunta que, de acordo cos informes técnicos de Intervención, «poderían existir fraccionamentos de contratos, o cal suporía un delito contra a Administración Pública».

Barcia considera que Nidia Arévalo «é incapaz de xestionar racionalmente a economía municipal» e cre que a alcaldesa «non só debería desculparse ante a veciñanza, senón que debería esixir responsabilidades aos membros do seu goberno» pola existencia de centos de facturas «máis que dubidosas». Na súa opinión, «se o Concello fose unha empresa, os dez concelleiros e concelleiras do PP perderían inmediatamente o seu posto de traballo por incompetencia e por actuar en contra da propia empresa». O grupo municipal do BNG denuncia, ademais, que “mentres se producía este descontrol nos gastos, o PP aprobou o incremento dos seus propios soldos, a contratación dun asesor e a suba do IBI nun 35%”.