O BNG rexeita a “inxusta suba” de máis dun 8% nas tarifas de Vitrasa e propón novos bonos de bus

A fronte nacionalista afea a “decisión unilateral” do Goberno de Abel Caballero e advirte de que nas próximas semanas aumentará o billete ordinario até os 1,57 euros

Pide a conxelación das tarifas da Pass Vigo, equiparar o bono estudante co universitario, a gratuidade para persoas desempregadas de longa duración para menores de 14 anos

Xabier P. Igrexas: “Caballero fai que as viguesas e vigueses paguemos moito máis caro un servizo precario e insuficiente de bus, con 250 frecuencias menos que en 2019”

O Bloque Nacionalista Galego rexeita o aumento das tarifas de Vitrasa para 2024 e propón novos bonos para fomentar o uso do bus urbano. A fronte nacionalista considera esta suba imposta polo Goberno de Abel Caballero como “inxusta e inxustificada”, con incrementos superiores ao 8% nos bonos da Pass Vigo e que nas vindeiras semanas afectará tamén ao prezo do billete ordinario, que pasará de 1,49 euros a 1,57.

“Demandamos ao Goberno municipal que rectifique esta decisión e aposte por un sistema tarifario que promova o uso do autobús e que sexa especialmente sensíbel coa situación de gravísima crise social que atravesa a cidade, na que 1 de cada 5 viguesas e vigueses está en risco de pobreza ou exclusión”, esixiu o portavoz municipal do Bloque, Xabier P. Igrexas.

O voceiro nacionalista lamentou esta decisión “unilateral” do Goberno de Caballero, que se adoptou sen consultar ao Consello Sectorial de Transportes, a pesar de que o Concello de Vigo conta con recursos suficientes (con 200 millóns de remanentes e máis de 160 millóns sen executar este pasado ano) para evitar penalizar con “aumentos desorbitados” ás persoas usuarias. Así, o bono ordinario da Pass Vigo incrementa un 8,16%, o bono estudante un 8,51%, o universitario un 5,41% e o social até un 10,26%. No caso do billete sen Pass Vigo, o prezo pasará a ser de 1,57 euros fronte aos 1,49 actuais, tarifa que entrará en vigor nas vindeiras semanas en canto reciba a resolución de autorización por parte da Xunta de Galiza.

“Abel Caballero fai que as viguesas e vigueses paguemos moito máis caro un servizo precario e insuficiente de bus, con 250 frecuencias menos que no ano 2019 e cun mapa de liñas obsoleto que non conecta os barrios e parroquias, nin tampouco servizos vitais como os hospitais, a cidade da Xustiza, os centros de FP ou o Campus Universitario”, cuestionou Igrexas, quen tachou ademais esta suba de “medida suicida” en termos ambientais.

Novos bonos

Fronte a esta decisión, dende o BNG propoñen novas tarifas bonificadas para fomentar o uso do bus urbano como servizo esencial, nomeadamente para as persoas de menores recursos no actual contexto de inflación, e para avanzar cara un modelo de cidade máis habitábel e sustentábel en termos ecolóxicos potenciando o transporte colectivo sobre o vehículo privado.

En primeiro lugar, as nacionalistas reclaman a conxelación das tarifas da Pass Vigo para que o bono ordinario continúe en 49 céntimos que, aínda así, seguiría sendo o máis caro de todas as cidades galegas, moi lonxe dos 30 céntimos de Ourense ou da Coruña e por riba dos 45 céntimos de Lugo.

Outra das medidas pasa por equiparar o bono estudante, para persoas que cursan estudos superiores ou FP, co bono universitario poñendo fin á “discriminación” contra o alumnado non universitario que ten que pagar o bus un 30% máis caro.

Co obxectivo de facilitar o uso das persoas con menores recursos, dende o Bloque piden crear un novo bono social para facer gratuíto o bus urbano para desempregadas e desempregados de longa duración e de perceptores de axudas como a Risga ou o Ingreso Mínimo Vital. “Falamos de persoas con ingresos que non garante a subsistencia material ou, directamente sen ingresos, e o que queremos é estenderlles a gratuidade para un servizo esencial”, explicou Igrexas.

Do mesmo xeito, pediu a gratuidade para os e as menores de 14 anos, na liña doutras cidades do Estado. “Non ten sentido seguir obrigando ás crianzas a pagar o bus, e a gratuidade beneficiará ás familias e alentará a utilización do autobús”, propuxo o portavoz municipal nacionalista.