O BNG reactiva nas rúas de Vigo a súa campaña contra a «estafa» do recibo da luz

Xabier P. Igrexas: “A pesar das declaracións cara a galería destes días  por parte doutras forzas o BNG quedámonos sós [no Pleno do Concello de Vigo] á hora de esixir medidas que metan en cintura o oligopolio eléctrico”

O Bloque Nacionalista Galego reiniciou en Vigo a súa campaña reivindicativa contra a «estafa» da suba do recibo da luz. A fronte nacionalista despregou esta mañá no Calvario unha mesa informativa e de recollida de sinaturas, coa que reclaman, entre outros, o estabelecemento dunha tarifa eléctrica galega.

O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, xunto as deputadas nacionalistas no Parlamento galego, Carmela González e Alexandra Fernández, compareceu perante os medios de comunicación para explicar a reactivación desta iniciativa diante do continuado incremento dos prezos eléctricos e da total inacción do Goberno español, de PSOE e Unidas Podemos.

Igrexas cualificou de «atraco mensual» o recibo da luz, por causa do «vertixinoso e continuado aumento dos prezos». O edil nacionalista defendeu que ao se tratar a electricidade dun ben público esencial debe despregarse unha «decidida e firme intervención pública que o poña baixo control público» e garanta o acceso a este subministro básico ao conxunto da poboación.

Lembrou tamén que o BNG promoveu unha moción no Concello de Vigo, o pasado mes de xuño, na que se recollía unha batería de medidas concretas para poñer fin á «estafa inaceptáble» que están padecendo tanto as familias traballadoras como o tecido comercial e empresarial, pero que foi rexeitada polo voto en contra do PSOE e a abstención «cómplice» de Partido Popular e Marea de Vigo. «A pesar das declaracións cara a galería destes días en Vigo o BNG quedámonos sós á hora de esixir medidas que metan en cintura o oligopolio eléctrico», sentenzou. 

Tarifa eléctrica galega

Pola súa banda, a deputada, Carmela González, salientou a «enorme indignación e cabreo» dos galegos e galegas perante o «tarifazo eléctrico» que se está a vivir nos últimos meses e que se plasmou no feito de que no verán a fronte nacionalista xa recollese máis de 23 mil sinaturas. «Se no verán era importante mostrar o rexeitamento diante desta situación inxusta, agora éo máis, xa que o recibo sigue subindo batendo cada semana records históricos», afirmou.

González fixo un chamado á mobilización social para esixir ao Goberno español e a Xunta medidas inmediatas para frear a escalada no prezo da luz, xa que está a «prexudicar gravemente a familias, a PEME e industria, e só beneficia ás grandes eléctricas que aumentan os seus gaños de maneira indecente», polo que esixiu a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega. Os nacionalistas instalará novas mesas informativas e recollidas de sinaturas en diferentes puntos da cidade durante as próximas semanas.