O BNG propón declarar o 23 de febreiro como día oficial de Rosalía de Castro en Vigo

A fronte nacionalista presentará unha moción ao Pleno de febreiro, elaborada pola Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG), para poñer en valor a figura da escritora con actividades de promoción da súa obra

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, reclama que o Goberno municipal garanta un compromiso efectivo do Concello como axente a favor da normalización plena do galego na cidade

O Bloque Nacionalista Galego propón declarar de maneira oficial o 23 de febreiro como día de Rosalía de Castro en Vigo. A fronte nacionalista presentará unha moción ao Pleno de febreiro, previsto para este mércores, para poñer en valor a figura e obra da escritora galega e garantir un compromiso efectivo do Concello como axente a favor da normalización plena do galego na cidade.

“Sermos rosalianos e rosalianas supón termos a vontade real e decidida de continuar co inxente legado que representa a figura histórica de Rosalía de Castro. O legado dunha muller valente, rebelde, chea de talento e que se significou como verdadeira bandeira da recuperación da nosa dignidade colectiva como pobo, que reivindicou e practicou o orgullo de sermos galegas e galegos”, explicou en rolda de prensa o concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas.

A proposta do BNG, elaborada pola Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG), reivindica o papel de Vigo como berce do rexurdimento das nosas letras coa impresión en 1873 da obra Cantares Gallegos. Entre os puntos da moción, as nacionalistas piden emprender e apoiar actividades de promoción da súa obra, realizar unha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado da cidade na que o alumnado dos centros escolares e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista e agasallar libros de autoras e autores en lingua galega, comprados en librarías da cidade, ao alumnado daqueles centros de ensino que fagan actividades de celebración desta data.