O BNG propón 14 medidas para converter a Vigo nun referente da defensa do benestar animal

A fronte nacionalista trasladará unha moción ao Pleno municipal para avanzar no recoñecemento de dereitos dos animais e cara unha cidade libre de maltrato

Xabier P. Igrexas: “Vigo ten dado pasos significativos pero insuficientes nesta materia polo que o BNG defendemos colocar a cidade na vangarda do benestar animal”

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar 14 medidas para converter a Vigo nun referente da defensa do benestar animal. A fronte nacionalista trasladará unha moción ao Pleno municipal, previsto para este mércores 28 de decembro, para avanzar no recoñecemento de dereitos dos animais e cara unha cidade libre de maltrato.

“O aumento da sensibilidade ambiental e da conciencia ecolóxica entre a veciñanza de Vigo ten tamén un claro expoñente na demanda de medidas contra o maltrato animal e na defensa do benestar animal”, defendeu en rolda de prensa o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que pediu o apoio unánime do resto de grupos políticos dianteda crecente realidade dos animais domésticos na cidade, con máis de 51 mil rexistrados oficialmente.

O candidato nacionalista asegurou que “Vigo ten dado pasos significativos pero insuficientes nesta materia”, como foi a decisión municipal de prohibir no ano 2013 a realización de circos e eventos con animais en cautividade. Nese sentido, chamou a dar pasos significativos cara unha cidade máis sustentáble que coloquen Vigo na “vangarda” do benestar animal, despregando máis medios e recursos e actualizando o marco normativo do Concello.

Vigo libre de maltrato animal

Entre as 14 propostas, o BNG pide declarar Vigo “cidade contraria de todas as formas de maltrato animal, incluídas as touradas como expresión de tortura”. Nesa liña, as nacionalistas piden actualizar e elaborar unha nova Ordenanza Municipal de Protección e Benestar animal que conte coa participación de colectivos e entidades animalistas e de defensa ambiental. A respecto destas organizacións, chaman ademais a poñer en marcha convenios de colaboración estábeis co Concello que conten con axudas municipais.

Modelo exhibicionista de VigoZoo e sacrificio cero

O concelleiro do Bloque reclamou poñer fin ao “modelo exhibicionista” de Vigo Zoo, apostando pola implementación da estratexia Zoo XXI que permita reconvertelo de maneira efectiva nun centro de recuperación e estudo da fauna e como un espazo para a sensibilización social sobre a protección e o benestar animal. Demandou tamén actuar sobre o Centro Municipal de Recollida de Animais Abandonados da Madroa, ampliando e reorganizando as instalacións e avanzando cara o obxectivo de sacrificio cero.

Acceso de animais a espazos e servizos públicos

No camiño de normalizar a presenza de animais domésticos na cidade, a fronte nacionalista pide estabelecer medidas para permitir o acceso dos mesmos a servizos como o autobús urbano, o albergue municipal e outras instalacións públicas.

Nese mesmo sentido, piden avanzar na superación das restricións de acceso ao espazo público da cidade, en particular no caso das limitacións como únicos areais autorizados para cans das praias da Foz esquerda e da Calzoa. Unha decisión adoptada polo Goberno local en 2018 que piden modificar por “errada”, ao provocar a presenza masificada de animais nun pequeno espazo, cun impacto ambiental negativo sobre o areal e prexuízos á veciñanza da contorna pola falla de control sobre as normas de hixiene, ruídos e convivencia.

No caso dos parques caninos da cidade, na praza García Picher e da Ponte Nova, o BNG pide a súa renovación, así como a creación de máis espazos urbanos para o esparcemento canino.

Servizo veterinario municipal e esterilización

O BNG chama a estudar ademais a posta en marcha dun servizo veterinario municipal, con tarifas reducidas e servizos gratuítos no caso das persoas sen fogar e de baixos recursos. De igual forma, piden despregar un programa municipal de esterilización de animais domésticos, así como garantir a aplicación do método CES (Captura, Esterilización e Solta) para controlar o número de gatos na rúa e censar as colonias existentes para unha mellor xestión en colaboración coas asociacións protectoras.

Aposta pola adopción e limitación da caza

Fronte ao actual «modelo mercantilista», a fronte nacionalista aposta por un maior esforzo na promoción de adopción de animais. Tamén no avance pola limitación estrita da práctica da caza en todo o termo municipal cara a súa desaparición. E a respecto da fauna silvestre, piden mellorar as medidas preventivas e disuasorias, como os pasos seguros que eviten a sinistralidade vial.