O BNG presenta unha candidatura “plural, comprometida e feminista” para levar Vigo máis alá

A fronte nacionalista presenta os dez primeiros postos da súa candidatura cara as eleccións municipais cunha lista paritaria, renovada e cunha idade media de 47 anos

Unha alternativa “solvente, rigorosa, construtiva e en positivo” con mulleres e homes de perfís diversos que formarán o futuro grupo municipal do BNG no Concello

Xabier P. Igrexas: “Imos ser capaces entre todas e todos de sumar a moitos millares de viguesas e vigueses que saben e senten que Vigo merece máis”

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de presentar este luns os dez primeiros postos da súa candidatura cara as eleccións municipais do 28 de maio. A fronte nacionalista confía nun equipo «plural, comprometido e feminista» para levar ‘Vigo máis alá’ -lema de precampaña- cunha lista paritaria, renovada nun 80% e cunha idade media de 47 anos encabezada polo actual concelleiro e candidato, Xabier P. Igrexas.

“Presentamos unha candidatura diversa e plural para dar resposta aos retos dunha cidade felizmente diversa e plural”, asegurou durante o acto presentación o candidato do BNG de Vigo, que agradeceu a “xenerosidade destes compañeiros e compañeiras que dan un paso ao fronte comprometéndose co proxecto de transformación construtivo e positivo que representa o Bloque para a nosa cidade”.

Igrexas destacou que é unha candidatura “potente, solvente e rigorosa”, formada por viguesas e vigueses “capaces, honestas e que coñecen a realidade social e as necesidades reais da cidade”. Persoas con diversos perfís tanto profesionais como no ámbito social que, afirmou o cabeza de lista, son os nomes que formarán o futuro grupo municipal do BNG no Concello.

O candidato do Bloque mostrouse convencido de que “imos ser capaces entre todas e todos de sumar a moitos millares de viguesas e vigueses que saben e senten que Vigo merece máis”, apelando a aqueles veciños e veciñas que “están fartas desta inercia, do abandono dos nosos barrios e parroquias e de quen só pode ofrecer máis do mesmo”.

“O BNG encaramos as vindeiras eleccións indo a por todas, con toda a ambición e sen límites“, remachou. A fronte nacionalista confía así en lograr dar “un grande salto a partir do 28 de maio” para ser a “garantía dun novo impulso para Vigo” que permita avanzar cara unha cidade «máis habitáble e verde, máis igualitaria e socialmente xusta, que volva ser o pulmón industrial de Galiza, un berce da vangarda na creación cultural e que asuma o seu papel como maior cidade de Galiza exercendo como verdadeiro motor de todo un país».