O BNG pide un Plan Urbano de Seguridade Viaria ante a elevada sinistralidade e atropelos en Vigo

A fronte nacionalista urxe un novo modelo de mobilidade que permita avanzar cara as cero mortes e sinistros graves, como lograron outras cidades próximas como Pontevedra

Xabier P. Igrexas: “Garantir a seguridade viaria e protexer vidas ten que ser unha prioridade; as viguesas e vigueses merecemos unha cidade segura”

O Bloque Nacionalista Galego pide a posta en marcha dun Plan Urbano de Seguridade Viaria ante a elevada sinistralidade nas rúas de Vigo, en particular dos casos de atropelos. A fronte nacionalista considera que esta é “unha tarefa pendente” en Vigo, como reflicten os datos, onde no que vai de ano xa se produciron seis atropelos de gravidade, dous deles só na última semana.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

“Desde o BNG cremos que hai que multiplicar os esforzos para lograr unha maior seguridade viaria nas rúas da nosa cidade”, demandou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lembrando que os últimos datos oficiais dispoñíbeis, referidos o ano 2021, recollen 2.009 accidente de tráfico, unha media de 5 sinistros por día, dos cales o 40% provocaron danos de diversa consideración a persoas con 147 atropelos.

Fronte a esta situación, Igrexas defendeu a necesidade de deseñar un Plan Urbano de Seguridade Viaria que teña como obxectivo as cero mortes e sinistros graves, seguindo o camiño das actuacións realizadas con éxito noutras cidades da contorna como Pontevedra. Nese sentido, o portavoz nacionalista pediu medidas concretas para o calmado do tráfico porque “reducir a velocidade do tráfico é a mellor maneira de evitar accidenes graves”.

Novo modelo de mobilidade

Este Plan Urbano de Seguridade Viaria ten que facer parte, a xuízo do BNG, dun novo modelo de mobilidade, onde se priorice o tránsito a pé, o uso seguro de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal e, sobre todo, o reforzo do transporte colectivo como alternativa para reducir o número de coches que circulan a diario en Vigo. “Garantir a seguridade viaria e protexer vidas ten que ser unha prioridade”, reclamou, asegurando que “as viguesas e vigueses merecemos unha cidade segura”.