A fronte nacionalista critica a improvisación do Goberno municipal despois de que se anuncie a ampliación do túnel até Torrecedeira e defende que existen alternativas tecnicamente viábeis que evitarían unha actuación «innecesaria, custosa e agresiva»

Xabier P. Igrexas: «Caballero en lugar de rectificar decidiu multiplicar a equivocación facendo máis larga e máis profunda a navallada ao corazón da cidade»

Após o anuncio realizado polo alcalde da cidade de alargar o túnel deseñado dentro do proxecto de peonalización da Porta do Sol até Torrecedeira, o concelleiro do Bloque Nacionalista Galego en Vigo, Xabier P. Igrexas, afirmou que o mesmo supón recoñecer que «o túnel deseñado era un absoluto disparate que tronzaba Elduayen e que inviabilizaba a peonalización do Paseo de Afonso tal e como advertiramos desde o BNG». Neste sentido, Igrexas lamentou que Abel Caballero en lugar de rectificar opte «por multiplicar a equivocación facendo máis longa e profunda a navallada que representa un túnel a todas luces innecesario e inxustificado» e criticou a «improvisación descomunal» coa que se está a xestionar o proxecto.

O portavoz municipal nacionalista subliñou que existen alternativas técnicas viábeis que permitirían a peonalización completa -coa que o BNG expresa o seu absoluto acordo- sen ter que acometer unha actuación tan agresiva como un túnel. Emporiso, Igrexas, demandou ao Goberno local que paralice a execución das obras para «estudar outras alternativas», sinalando que inda se está a tempo de evitar unha «actuación irreversíbel» e que supón tamén importantes riscos en materia de protección do patrimonio histórico nunha contorna con abondosa presenza de xacementos e restos.

Aliás, desde a fronte nacionalista volveron esixir «transparencia e participación», pedindo que o Goberno explique de maneira clara cal vai ser o custo total do proxecto que agora se pretende acrecentar substancialmente e como se vai financiar. «Caballero ten que explicarlle ás viguesas e vigueses canto vai custar a súa obsesión por perforar o corazón da cidade e quen vai pagar esa factura de record», reclamou Igrexas. O edil nacionalista tamén reiterou a súa petición de que o proxecto de peonalización se someta a exposición pública e que se abra un diálogo sincero coa veciñanza e os colectivos sociais.