O BNG logra o apoio do Pleno para declarar a Vigo como cidade contraria do maltrato animal

A moción formulada pola fronte nacionalista para situar a cidade como referente en políticas en favor do benestar animal resulta aprobada malia a abstención de PSOE e PP

Xabier P. Igrexas: “O BNG queremos dar resposta á crecente sensibilidade ambiental da veciñanza de Vigo, que demanda avanzar no recoñecemento dos dereitos dos animais”

O Bloque Nacionalista Galego vén de lograr o apoio do Pleno municipal para declarar a Vigo como cidade contraria de todas as formas de maltrato animal e avanzar en políticas en favor do benestar animal. A moción formulada pola fronte nacionalista con 14 medidas para situar á cidade como referente nesta materia resultou aprobada co voto favorábel da Marea e malia a abstención dos grupos municipais do PSOE e do PP.

O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, celebrou esta aprobación que dá resposta “á crecente sensibilidade ambiental e da conciencia ecolóxica entre a veciñanza de Vigo, que demanda medidas para avanzar no recoñecemento dos dereitos dos animais”. Por este motivo, defendeu como necesarias estas propostas  para colocar a Vigo na “vangarda” do benestar animal e como unha das cidades máis avanzadas no Estado.

O candidato nacionalista asegurou que “Vigo ten dado pasos significativos pero insuficientes nesta materia”, como foi a decisión municipal de prohibir no ano 2013 a realización de circos e eventos con animais en cautividade. Por ese motivo, o Bloque aposta por destinar máis medios e recursos e actualizar o marco normativo do Concello nas súas propostas.