O BNG levará ao Parlamento as demandas da Asociación Veciñal ‘Novo Navia’

Os representantes do BNG na xuntanza cos veciños.

A formación denuncia que as máis de 3.000 alegacións presentadas ao Plan Parcial seguen sen recibir contestación polo Concello

O Bloque Nacionalista Galego realizou esta mañá unha visita ao barrio de Navia. A deputada electa no Parlamento galego, Carmela González, o portavoz municipal no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, e o responsábel local da fronte nacionalista, Serafín Otero, mantiveron un encontro con representantes da Asociación Veciñal “Novo Vigo”. Na xuntanza as nacionalistas recolleron as principais demandas e reivindicacións deste importante barrio vigués e subliñaron o compromiso de lles dar traslado de maneira inmediata no Parlamento galego en canto se iniciar o novo período de sesións. 

Ao remate da reunión, a deputada Carmela González, destacou a necesidade dunha nova zonificación escolar que evite que o alumnado do barrio se teña que deslocar moitos quilómetros para continúar os seus estudos após a secundaria. Nese sentido, González, considerou que a Xunta discrimina de maneira insultante o alumnado dos centros públicos adscribindo de xeito prioritario ao dos centros privados da contorna aos institutos de Coia. González volveu reclamar da Xunta a construción dun novo instituto de educación secundaria en Navia para atender a demanda do barrio coa poboación máis nova de toda a cidade.

Plan Parcial 

Pola súa banda, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, instou a Xunta e Concello a abandonar a súa permanente confrontación partidista e a que ambas as administracións cooperen para resolver as importantes necesidades do barrio. Entre elas salientou o reforzamento do centro de saúde, a creación dun grande centro sociocultural ou a mellora do transporte. 

Igrexas tamén reaccionou á decisión do Goberno municipal de levar ao vindeiro Pleno da Corporación a aprobación definitiva do Plan Parcial de Navia. Neste sentido, o edil nacionalista denunciou que as máis de 3.000 alegacións veciñais continúan sen ser contestadas polo Concello. “Falamos dunha actuación que suporá sumar 1.600 vivendas máis nun ámbito que xa ten unha poboación importante, e o que dicimos desde o BNG é que non se pode poñer en marcha ese desenvolvemento urbanístico sen antes corrixir o déficit de dotacións e servizos públicos que ten o barrio”, explicou.