O BNG lanza unha ofensiva para facer público o Teatro Cine Fraga sen repagar a Abanca polo edificio

A fronte nacionalista traslada iniciativas ao Concello de Vigo, á Deputación e á Xunta de Galiza para evitar a “estafa” do PP de dilapidar 9,3 millóns de diñeiro público na compra

Propón un consorcio público-privado entre as tres administracións para a cesión gratuíta do inmóbel e abrir un diálogo co tecido cultural vigués para deseñar o proxecto

Avanza unha emenda á totalidade no Pleno extraordinario deste venres por discrepar cos acordos formulados polo PSOE  que insisten “nos xogos sectarios e partidistas”

O Bloque Nacionalista Galego lanza unha ofensiva institucional para converter o Teatro Cine Fraga nun grande espazo cultural público para Vigo. A fronte nacionalista vén de trasladar iniciativas ao Concello, á Deputación e á Xunta de Galiza para evitar a “estafa” de repagar a Abanca polo edificio, deixando sen efecto a operación de compravenda que pretende o PP dilapidando 9,3 millóns de diñeiro público.

Así o manifestaron este xoves o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, a deputada provincial, Manuela Rodríguez, e a deputada no Parlamento galego, Carmela González, nunha rolda de prensa conxunta na que defenderon a necesidade de cooperación entre as tres administracións, a través dun consorcio público-privado ou outra fórmula administrativa, para a adquisición ou a cesión gratuíta do uso do histórico inmóbel así como abrir un diálogo co tecido cultural vigués para deseñar o proxecto.

“Unha iniciativa que debera basearse na suma de esforzos acaba encadrada primeiro nunha competencia de claro carácter electoralista e, agora, como un novo episodio na permanente lea partidista entre PSOE e PP”, lamentou Igrexas, quen afeou que ambas forzas políticas non se acordaran en 16 anos do Teatro Cine Fraga, dende as institucións que presiden, até a campaña electoral das pasadas eleccións galegas. “O BNG xa temos demandando desde hai moito tempo poñer fin ao seu actual abandono para o converter nun grande teatro público para Vigo e Galiza”, subliñou, lembrando que foi xa unha das propostas do programa nacionalistas nos últimos comicios municipais.

Dende o Bloque reiteraron que «a compravenda que pretende o PP dende a Xunta e a Deputación, e que no seu momento foi tamén formulada polo alcalde Abel Caballero», constitúe un “claro exemplo de mala xestión que pretende dilapidar recursos de todas e todos para repagar por unha dotación cultural que xa foi financiada con inxente diñeiro público”, en alusión no rescate da privatizada e expatriada Abanca con 9.000 millóns para despois ser adquirida polos actuais propietarios por 1.000 millóns de euros.

“O proceso de bancarización, privatización e desgaleguización da entidade resultante da fusión das caixas galegas, impulsado con entusiasmo polo PP desde os Gobernos galego e español ao ditado da Troika, privou a Vigo de poder contar co Teatro Cine Fraga como un activo sociocultural de primeiro nivel”, denunciou Igrexas, lamentando que este importante espazo cultural leve máis de 23 anos pechado e o proxecto de reforma quedara paralizado tras a operación.

Emenda á totalidade no Pleno extraordinario

O portavoz municipal do BNG de Vigo avanzou así unha emenda á totalidade da moción formulada polo PSOE de cara ao Pleno extraordinario e monográfico convocado para este venres. Nese sentido, asegurou que a fronte nacionalista discrepa dos termos das propostas de acordo que se van someter a votación, que non foron consensuados por parte dos socialistas.

En primeiro lugar, Igrexas valorou que limitar a fórmula para o Teatro Cine Fraga a unha “doazón ao Concello” limita as posibilidade de recuperar o uso público do inmóbel. Aliás, valorou como “xogos sectarios e partidistas” que o PSOE queira incorporar na ecuación á Zona Franca e ao Ministerio de Cultura, dirixidas polo seu partido.

En segundo lugar, rexeitou os argumentos do PSOE sobre o uso do edificio afirmando que Vigo non precisa dun grande teatro público. “É lamentábel, por ser suave, ver como quen dirixe a política cultural do Concello confunde o que é un auditorio co que é un teatro”, censurou Igrexas.