O BNG lamenta as “malas formas” de Nidia Arévalo e os ataques persoais a veciños

O portavoz nacionalista abandonou o último pleno antes de tempo en sinal de protesta polos reiterados insultos da alcaldesa

O BNG de Mos considera que a alcaldesa, Nidia Arévalo, “está elevando os niveis de crispación política a unas cotas insoportables”. Así o manifestou o portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, despois da última reunión do Consello Local do BNG. Barcia definiu como “indigno” e “impropio” o comportamento da rexedora mosense no pleno celebrado o pasado 1 de abril, onde se referiu ao representante nacionalista, en reiteradas ocasións, co cualificativo de “caradura”. Ante esta actitude, Barcia optou por abandonar o seu asento antes de que a alcaldesa levantara a sesión.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

O portavoz do BNG sostén que as “malas formas” da alcaldesa non son unha novidade, pero cre que o seu discurso “volveuse particularmente hostil contra a oposición dende que ocupa un posto no Senado”. No propio pleno, Barcia apelou aos demais membros do equipo de goberno para que reflexionen sobre o ton que está adquirindo, nos últimos meses, a contenda política municipal. No seo do Consello Local do BNG existe a sensación, tal como explicou o propio Barcia, de que “a senadora Arévalo pretende trasladar ao ámbito local a mesma estratexia de crispación que o PP promove a nivel estatal”.

Arévalo pronunciou os insultos contra Barcia durante o debate dunha moción, presentada polo BNG, relativa á reforma da estrada provincial Puxeiros-Mos. O grupo municipal nacionalista reclama un proxecto ambicioso para esta vía ao seu paso por Dornelas, coa fin de corrixir algúns dos erros cometidos na parroquia de Mos, uns erros sobre os que o BNG advertira xa antes do inicio das obras. O portavoz nacionalista na corporación municipal denuncia que “en vez de rebater a nosa proposta con argumentos, a alcaldesa decidiu recorrer ao insulto, a mentira e os ataques persoais contra un veciño ao que sinalou con nome e apelidos”.

Xogo sucio

A actitude irrespectuosa da alcaldesa no pleno foi “moi similar”, en opinión do portavoz municipal do BNG, á que exhibiu durante a última sesión da Cámara Alta, “onde se dedicou a interromper e molestar a un ministro do Goberno do Estado durante a súa intervención”. Barcia pide “non entrar no xogo sucio do PP estatal” e teme que a Nidia Arévalo pretenda utilizar os plenos do Concello de Mos “como unha simple plataforma de promoción persoal para as súas ambicións dentro do partido”. Ao seu modo de ver, existe un desinterese crecente respecto á política local por parte da alcaldesa, “que no último pleno mesmo se puxo a falar por teléfono durante o transcurso da sesión”.