O BNG insta o Concello de Vigo a tomar o control de Vitrasa ante a “actitude pirata” da empresa

A fronte nacionalista pide designar unha Intervención Técnica municipal da concesión diante dos “graves e reiterados incumprimentos” que precarizaron o bus urbano

O Bloque Nacionalista Galego insta o Concello de Vigo a tomar o control da concesión de Vitrasa ante da “actitude pirata” da empresa. Así o demandou este venres o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, quen considerou que “é momento de poñer punto e final á situación límite” no servizo de autobús urbano, a poucos días de que se cumpra un mes de folga indefinida e camiño de tres anos de conflito.

“O problema non é só o convenio colectivo caducado dende 2020, senón os flagrantes e moi graves incumprimentos de Vitrasa tanto das súas obrigas laborais como do prego concesional”, denunciou Igrexas, asegurando que o Concello como titular deste servizo esencial non pode continuar “indiferente” diante da precarización e recortes no bus da cidade.

O portavoz nacionalista pediu desta maneira que se designe unha Intervención Técnica municipal que tome o control da concesión, activando os artigos 133 e 134 do Regulamento de Servizos de Corporacións Locais. Unha decisión que, a xuízo do Bloque, está motivada pola “posición de enroque da dirección de Vitrasa no conflitcto coa complicidade cada vez máis evidente do Goberno de Abel Caballero”.

Con esta medida, o Concello encargaríase do servizo utilizando o persoal, medios e material da empresa, durante o tempo necesario para poñer fin aos incumprimentos na concesión e garantir o correcto funcionamento do bus urbano. “Trátase dunha medida perfectamente legal que sería un paso previo a un eventual rescate definitivo da concesión”, subliñou Igrexas.

“O Concello de Vigo ten que enviar a mensaxe de que xa chegou, que non se pode tolerar por máis tempo esta situación nun servizo de titularidade municipal que é esencial”, remachou.