Despregarán puntos informativos e mesas de recollida de sinaturas en todos os barrios e parroquias da cidade
O Bloque Nacionalista Galego vén de iniciar en Vigo a campaña de recollida de sinaturas contra a suba da tarifa eléctrica. A fronte nacionalista instalará puntos informativos nos que poder asinar nos diferentes barrios e parroquias.
A deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, explicaba nas últimas horas os motivos desta campaña denunciando que “as novas tarifas prexudican gravemente as familias traballadoras e as empresas do noso País e só beneficia ao lobby das grandes eléctricas”.
“O BNG lanzamos esta campaña para esixir a rebaixa do IVE ao 4%. Non pode ser que paguemos máis IVE na factura da luz que comprando caviar”, esixiu González.
Ademais da rebaixa impositiva, a fronte nacionalista aposta por constituír unha empresa enerxética pública que garanta o acceso universal a este subministro esencial e combater a pobreza enerxética, que golpea nos sectores populares máis vulnerábeis.
Outra das medidas que reclaman é a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega, que permita rebaixar os custos da factura facendo valer o feito de Galiza ser un dos grandes ámbitos de produción de enerxía eléctrica no Estado.
Mesas nos barrios e parroquias
Neste marco, o responsáble local do BNG de Vigo, Serafín Otero, explicou que a organización vai mobilizar todos os seus grupos de barrio e parroquia para instalar puntos informativos e mesas de recollida de sinaturas no conxunto da cidade.
A primeira será mañá, venres, no Calvario. Otero chamou a converter “a indignación e o cabreo fronte esta situación inxusta, nunha resposta contundente a nivel social”.

