O BNG garante o impulso da Área Metropolitana de Vigo fronte á “parálise por intereses partidistas” de PP e PSOE

Imagen aérea de Vigo.

A fronte nacionalista chama a mudar a actual confrontación pola cooperación entre os 14 concellos para desenvolver servizos como transporte, xestión de residuos ou emerxencias

Carmela González: “As 540 mil persoas que viven na área metropolitana de Vigo merecen un Goberno galego que sume esforzos entre administracións para mellorar as súas vidas”

Xabier P. Igrexas: “Un Vigo con futuro non pode ser unha cidade amurallada, a nosa cidade ten que liderar a súa realidade metropolitana dende o diálogo”

O Bloque Nacionalista Galego garante «o impulso da Área Metropolitana de Vigo cun Goberno galego liderado por Ana Pontón a partir do vindeiro 18 de febreiro». Así o anunciaron este luns a candidata nacionalista Carmela González, acompañada do tamén candidato Brais Ruanova e do portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, quen lamentaron o “bloqueo por intereses partidistas” dende a súa creación por parte do PP na Xunta e do PSOE no Goberno local.

“Ante a parálise inxustificada da posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo, queremos trasladar o compromiso de que cun goberno do BNG na Xunta de Galiza será unha prioridade”, subliñou González, quen considerou necesario pasar da actual confrontación á cooperación entre os 14 concellos para desenvolver servizos como transporte, xestión de residuos ou emerxencias, entre outros. “As 540 mil persoas que viven na área metropolitana de Vigo merecen un Goberno galego que sume esforzos entre administracións para mellorar as súas vidas”, destacou.

A candidata do Bloque cualificou de “inaceptábel” a permanente disputa entre o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o anterior presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o actual, Alfonso Rueda, afeando que teñan posto “os seus propios intereses por riba das necesidades e do futuro que este instrumento ofrece para Vigo e a súa área”.  

González asegurou que estes anos demostraron que “nin o PP nin o PSOE quixeron nunca vertebrar territorialmente a realidade metropolitana”, fronte ao compromiso do BNG por desenvolvela dende a Xunta como unha “realidade útil e con competencias claras” facendo da vertebración metropolitana unha aposta “estratéxica”.

Vigo, liderando desde o diálogo

Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG defendeu a necesidade de que Vigo lidere a súa realidade metropolitana dende o diálogo e a cooperación. “Un Vigo con futuro non pode ser unha cidade amurallada”, valorou Igrexas, quen tachou de “disparate” que a cidade como capital da área non faga parte da rede de transporte metropolitano.

“A realidade urbana de Vigo non remata no límite do termo municipal”, salientou Igrexas. “O futuro da nosa cidade non pasa por seguir mirándose o embigo, por ese hiperlocalismo cutre e limitante, senón por exercer como maior cidade galega”, engadiu sobre o papel do actual Goberno de Abel Caballero na “frustrada” constitución da área.

A respecto da Xunta de Galiza, afeou tamén o constante bloqueo do PP na Xunta. “Por iso é fundamental que a partir do 18 de febreiro teñamos un Goberno galego presidido por Ana Pontón que sexa un aliado de Vigo, tecendo sinerxias para que a nosa área se converta nun gran polo de desenvolvemento da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal”, remachou.