O BNG esixe a dimisión de Carlos Font polas declaracións nas que acusou de “violentos” ao Comité de Empresa de Vitrasa e ao persoal en folga

Igrexas reaccionou ás declaracións realizadas esta mañá polo concelleiro Carlos L. Font en relación ao conflito aberto en Vitrasa considerando que “é gravísimo que o portavoz do Goberno municipal e candidato número 2 do PSOE ao Parlamento galego por Pontevedra acuse de violento ao Comité de Empresa e ao persoal de Vitrasa que levan 53 días en folga.”

“Carlos Font cruzou todas as liñas vermellas cun discurso reaccionario e antisindical, se lle quedase algo de decencia e dignidade dimitiría hoxe mesmo”, esixiu.

Desde a fronte nacionalista lamentan que a “escalada de obscena complicidade” do Goberno local de Abel Caballero coa dirección da empresa concesionaria teña chegado até este punto, despois de meses de descualificacións e provocacións contra o persoal do servizo de bus urbano.