O BNG esixe a Caballero que rectifique a privatización da conserxaría nos colexios públicos de Vigo

A fronte nacionalista reclama ao alcalde que “escoite o clamor” da comunidade educativa que se opón á “privatización en precario” do persoal de vixilancia e portaría

Propón que o Concello execute a bolsa de contratación pública para garantir este servizo esencial, que hoxe non está cuberto en máis da metade dos centros educativos

Xabier P. Igrexas: “¿Como é posíbel que un Concello con máis de 400 millóns de euros de orzamentos non poida garantir que todos os colexios teñan conserxe?”

O Bloque Nacionalista Galego esixe que o Goberno de Abel Caballero rectifique a privatización do servizo de conserxaría dos colexios públicos de Vigo. Así o reiterou este luns o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen reclamou ao alcalde que “escoite o clamor” da comunidade educativa, tanto as familias como o profesorado e equipos directivos, que se opón a esta decisión.

Igrexas denunciou que, a día de hoxe, máis da metade dos centros educativos públicos (28 dun total de 49) da cidade non contan con persoal de vixilancia e portaría malia ser un “servizo absolutamente esencial” para o correcto funcionamento dos colexios. Sobre a privatización, asegurou que como moi cedo estará resolta no terceiro trimestre deste curso escolar, polo que avanzou que tampouco vai ser unha solución para os centros.

O portavoz nacionalista afeou que o Goberno de Abel Caballero insista en converter en fonte de negocio privado a xestión dun novo servizo público, como xa sucedeu noutros casos como a apertura e feche de instalacións deportivas que derivaron nunha “grave precariedade e nunhas condicións laborais inaceptábeis”. Todo malia que, criticou Igrexas, hai preto de 400 prazas de persoal municipal sen adxudicar pola falla de execución das ofertas públicas.

Solucións para garantir persoal en todos os centros

Fronte a esta situación, dende o BNG demandaron que o Goberno municipal execute a bolsa de contratación, que resolveu o pasado mes de xullo, que permitiría contar de maneira inmediata co persoal necesario de vixilancia e portaría en todos os colexios públicos da cidade. Outras das propostas nacionalistas pasan pola convocatoria de prazas de interinaxe a cargo da Oferta Pública de Emprego de 2023, aínda sen definir.

“¿Como é posíbel que un Concello con máis de 400 millóns de euros de orzamentos non poida garantir que todos os colexios teñan conserxe?”, interpelou Igrexas, que considerou que coas medidas propostas polo Bloque se poría fin aos “malos apaños e parches ultraprecarios” impostos na actualidade e que obrigan a compartir persoal entre diferentes centros.

O voceiro municipal do BNG afirmou que “hai solucións” a este problema fronte á decisión do Goberno de Caballero, que tachou de “verdadeiro campión das privatizacións” por destinar hoxe 2 de cada 3 euros do orzamentos municipal a empresas privadas para a xestión de servizos públicos.