O BNG denunciará no Parlamento a problemática laboral na factoría de PSA

O voceiro nacionalista, Xabier Igrexas, nunha comparecencia pública.

A deputada, Carmela González, trasladará unha serie de iniciativas garantir o cumprimento dos protocolos preventivos ou o dereito aos descansos

O Bloque Nacionalista Galego mantivo esta mañá un encontro cos responsábeis das seccións sindicais da CIG e CUT, na factoría de PSA en Vigo, Manuel Domínguez e Vitor Mariño. No encontro, no que participaron pola fronte nacionalista o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, e –por medios telemáticos– a deputada, Carmela González, abordouse a situación actual na empresa despois da desescalada.

A representación sindical denunciou que a aplicación das medidas preventivas están a supoñer a redución do tempo efectivo de descanso durante a xornada, dado que dentro das pausas fisiolóxicas dedicadas a acudir ao servizo, beber, alimentarse ou refrescarse, teñen que incorporar tamén tarefas de desinfección e padecen as restricións por aforo no acceso a espazos como os aseos. Ademáis, trasladaron a súa queixa polo que consideran non adecuación das cargas e ritmos de traballo a esta nova realidade.

«Non é aceptábel que PSA pretenda atinxir producións de recordo a costa de limitar a eficacia das medidas preventivas e reducindo o tempo de descanso, que xa é o mínimo legal», valorou a deputada Carmela González.

Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, considera que PSA «remoloneou á hora de reaccionar diante da pandemia xa na primeira onda«, sinalando que a factoría viguesa foi a última de todo o Estado en paralizar a produción o pasado mes de marzo.

Ao Parlamento

O Bloque denunciará estas problemáticas no Parlamento galego a través dunha batería de iniciativas. Con elas procurarán que se actúe vixiando o cumprimento das medidas preventivas, a adecuada xestión dos casos de contaxio e o estrito respeito aos tempos de descanso. Tamén demandarán que toda axuda pública se condicione non só ao mantemento e creación de postos de traballo senón á calidade do emprego.