O BNG denuncia que Vigo leva case un ano sen o mínimo de 20 bombeiros activos por día

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou este mércores que Vigo leva 359 días sen contar co número mínimo de 20 bombeiros en activo por xornada. A fronte nacionalista cualificou o programa de servizos voluntarios aprobado polo Goberno de Abel Caballero hai case un ano como “un parche insuficiente”, alertando ademais de que xa se superaron as horas extraordinarias fixadas por prevención.

Segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, a situación deste martes exemplifica o déficit de efectivos: só había 15 bombeiros repartidos entre os parques de Teis e Esturáns. “Unha dotación que non garante a capacidade de intervención en caso de que se produzan varios focos de lume ou dúas emerxencias simultáneas en distintos puntos”, criticou.

“Xogar á ruleta rusa coa seguridade”

O voceiro nacionalista advertiu que esta falla de efectivos ten unha “incidencia directa e grave” no desenvolvemento dos operativos. “A irresponsabilidade e pésima xestión de Caballero supón xogar á ruleta rusa coa seguridade da cidade e do propio corpo de bombeiros, comprometendo a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia”, sinalou.

Igrexas acusou ao Goberno local de “trampear” os mínimos durante o último ano para evitar o peche do parque de Esturáns, como xa ocorrera anteriormente co de Coruxo. “Pero sen garantir nin un só día o persoal necesario para o pleno funcionamento dos dous parques”, engadiu.

Reclamo de medidas estruturais

O BNG insistiu en que o programa de servizos voluntarios, anunciado polo Executivo municipal como solución, quedou en mera propaganda. “Advertimos que era un parche insuficiente que non resolvía o problema. O único que logrou foi exceder as horas extraordinarias, cunha evidente sobrecarga e fatiga do persoal”, afirmou Igrexas.

Por iso, a formación nacionalista volveu reclamar unha rectificación e medidas de fondo. Entre elas, recordou a moción presentada polo BNG en xuño de 2024 –rexeitada pola corporación– que incluía un reforzo estrutural do persoal de bombeiros para garantir a cobertura dunha cidade de case 300.000 habitantes e 110 quilómetros cadrados.