O BNG demandará que Xunta e Goberno español se impliquen para reactivar Vulcano e blindar o conxunto do sector naval de Vigo

A fronte nacionalista mantivo esta mañá un encontro por videoconferencia co Comité de Empresa do estaleiro 

Demandarán que Xunta e Goberno español se impliquen de verdade para asegurar o regreso á actividade en Vulcano e a continuidade de Barreras para blindar un sector estratéxico

O Bloque Nacionalista Galego mantivo unha xuntanza, a través de videoconferencia, co Comité de Empresa de Vulcano. No encontro, no que participaron pola fronte nacionalista o deputado, Luís Bará, o portavoz municipal de Vigo, Xabier P. Igrexas, así como Alexandra Fernández e Carmela González, abordaron a situación aberta após a desestimación xudicial do recurso presentado pola Autoridade Portuaria de Vigo para rescatar a concesión.  

Luís Bará transmitiulle ao Comité de Empresa o compromiso do Bloque de continuar a reclamar a activa implicación de Xunta de Galiza, e tamén do Goberno do Estado, para asegurar que se reinicia a actividade de construción ou reparación naval nas gradas do estaleiro Vulcano. Aliás, Bará criticou con dureza o comportamento da Autoridade Portuaria e do Goberno español polo seu intento de retirar a concesión portuaria o que suporía impedir o regreso ao traballo nas gradas de Teis.  

Nesa mesma perspectiva, a nivel municipal de Vigo, Pérez Igrexas insistiu na necesidade de que o Goberno municipal se posicione de maneira clara e firme na esixencia de manter a actividade e do emprego nunha actividade estratéxica como é o naval para a cidade olívica e, singularmente, no caso de Vulcano e Barreras. “Como cidade non nos podemos permitir o luxo de deixar esmorecer un sector que é vital para a nosa industria e que representa millares de postos de traballo como o naval. O Concello ten que posicionarse de maneira clara e rotunda en defensa de Vulcano”, defendeu lembrando as reiteradas iniciativas promovidas polo Bloque vigués con ese obxectivo.  

A fronte nacionalista anuncioulle á representación sindical en Vulcano que despregará unha batería de iniciativas, a nivel municipal, no Parlamento de Galiza e no Congreso, para demandar que dentro das medidas extraordinarias que se terán que adoptar para enfrontar as consecuencias económicas da crise sanitaria da Covid19, se inclúa a intervención pública necesaria para blindar a actividade industrial e, de maneira específica, do sector naval. A este respeito, sosteñen que apuntalar a continuidade de Vulcano e mais de Barreras impedirá a desertización de todo o tecido da industria auxiliar.