O BNG demandará no Pleno medidas urxentes do Concello fronte ao agravamento da crise en Vigo

O voceiro do BNG, Xabier P. Igrexas.

A fronte nacionalista rexistra unha moción que reclama mobilizar 15 millóns de euros para constituír un “parapeto social” a nivel municipal ante o aumento da pobreza e a «incapacidade» dos Gobernos galego e español

Propón un aumento das partidas do Plan de Emprego e das axudas sociais, crear un programa municipal de distribución de alimentos e un bono de consumo no comercio local, reforzar o persoal dos servizos sociais, axustar as taxas e un parque público de vivendas

Xabier P. Igrexas: “Humanizar a cidade é poñer ás persoas no centro, facermos das necesidades sociais a verdadeira prioridade do Concello de Vigo”

O Bloque Nacionalista Galego demandará no vindeiro Pleno municipal, previsto para este mércores, que o Concello de Vigo despregue medidas urxentes fronte ao agravamento da crise. A fronte nacionalista denuncia a «incapacidade» dos Gobernos galego e español para enfrontar o actual contexto, polo que pide mobilizar o máximo de recursos municipais ante o empeoramento de todos os indicadores sociais e económicos na cidade.

“Despois de non termos superado completamente a crise do ano 2008, os efectos combinados da pandemia, da guerra da Ucraína e o incremento descontrolado da inflación están a provocar unha situación crítica de emerxencia social”, subliñou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que alertou que só nos últimos meses a carestía da vida derivou nun aumento do 10% nos índices de pobreza na cidade.

Igrexas salientou que o Concello de Vigo conta cunha ampla capacidade económica para despregar un “ambicioso” programa de medidas que evite que esta crise “se torne nun novo saqueo antisocial”. Neste sentido, a moción das nacionalistas reclama una modificación orzamentaria de 15 millóns de euros para financiar un “parapeto social” a nivel municipal. “Pouco máis do que quere enterrar Abel Caballero no ascensor Halo de Star Trek ou apenas un 25% do que se vai investir polo momento na reforma do Estadio Municipal de Balaídos”.

Medidas ante o desemprego e a inflación

Entre as medidas propostas polo BNG, o edil nacionalista destacou a necesidade de aumentar en 5 millóns de euros o orzamento do Plan Municipal de Emprego. Igrexas asegurou que a falta de oportunidades laborais é unhas das principais preocupacións das viguesas e dos vigueses diante da continuada “desertización produtiva” na cidade, coa destrución de 2 mil empregos industriais no que vai de ano e máis de 10 mil desde 2009.

Ante a perda de poder adquisitivo, derivada do incremento disparado da inflación un 11,7%, a fronte nacionalista chama a ampliar as partidas sociais, entre elas, unha convocatoria extraordinaria do coñecido como cheque social e aumentar as axudas de emerxencia destinado a cubrir gastos básicos. Na mesma liña, pide poñer en marcha dun programa de distribución de alimentos e bens de primeira necesidade para persoas en exclusión social e pobreza, que superan xa as 60 mil na cidade, e facer gratuíto o autobús urbano para desempregadas de longa duración e perceptoras de axudas sociais como a Risga ou o IMV.


30% máis de persoas nos servizos sociais

Igrexas alertou ademais do incremento dun 30% das persoas que acoden aos servizos sociais municipais desde 2020, unha evidencia da situación crítica e das dificultades de moitos fogares para facer fronte ao contexto actual de crise. “É preciso reforzalos con máis persoal para axilizar a atención das máis vulnerábeis, que hoxe teñen que esperar nalgúns casos até mes e medio”, denunciou o concelleiro do Bloque.

A vivenda é outro dos problemas sociais apuntados pola fronte nacionalista, cuxos prezos de alugueiro son os máis caros de Galiza e medraron até un 40% nos últimos cinco anos, mentres que os de compravenda subiron este ano un 7,3%, triplicando o aumento rexistrado a nivel estatal. O edil nacionalista insistiu na prioridade de crear un parque de vivenda municipal, nomeadamente da oferta en réxime de alugueiro social, así como buscar fórmulas para incorporar a este parque as miles de vivendas que teñen a Sareb e as entidades financeiras rescatadas con diñeiro público.Desde o BNG valoraron tamén urxente medidas de apoio ao pequeno e mediano comercio local, para o que demandan crear un bono de consumo para familias de baixos recursos dotado con 3,5 millóns de euros. Aliás, reclamaron estudar a modificación das ordenanzas fiscais para ampliar as exencións, bonificacións e facilidades de pagamento, tanto familias como para o comercio, co obxectivo de facer as taxas máis “xustas e progresivas”.