O portavoz municipal dos nacionalistas en Vigo, Xabier P. Igrexas, formulou alegacións no proceso de exposición pública reiterando a radical oposición a novos recheos portuarios na cidade
O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha Proposición non de lei instando o Goberno español a anular a avaliación ambiental estratéxica simplificada do proxecto de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios do Porto de Vigo (DEUP), coa finalidade de iniciar un proceso de avaliación ambiental de carácter ordinario que permita un estudo máis profundo e unha maior participación social.
Para o BNG o proceso de exposición a consulta pública da avaliación ambiental estratéxica simplificada da DEUP, promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e que concluíu onte, coarta a capacidade de moitas entidades sociais e mesmo particulares, para poderen trasladar alegacións, constituíndo unha fórmula restrinxida de participación cidadá.
É por iso que a fronte nacionalista aposta por que se poña en marcha unha avaliación ambiental estratéxica de carácter ordinario, xa que permitiría recoller un maior número aportacións de cara a unha DEUP máis respectuosa co entorno natural marítimo-terrestre da Ría de Vigo.
Na iniciativa, Rego lembra que en decembro de 2017 a Audiencia Nacional obrigaba á Autoridade Portuaria de Vigo á reelaboración dunha nova proposta de Delimitación de Espazos e usos Portuarios (DEUP), por carecer o citado documento da correspondente avaliación ambiental estratéxica. A tal efecto, en setembro de 2019 a Autoridade Portuaria viuse forzada á elaboración dunha nova avaliación.
O BNG considera que o proxecto de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios entende a maior parte da liña de costa correspondente aos concellos afectados da Ría de Vigo (Vigo, Redondela, Cangas, Moaña e Vilaboa) como susceptible de realización de actuacións que, din, «teñen un impacto moi negativo desde o punto de vista ambiental, patrimonial e social».
Frear novos recheos en Vigo
Ademais da PNL rexistrada no Congreso, a ofensiva do BNG contra a nova DEUP materializouse tamén a través de alegacións formuladas polo portavoz municipal nacionalista no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Nas mesmas, Igrexas reitera a necesidade dunha avaliación ambiental de carácter ordinaria pero demanda tamén de maneira expresa que se informe negativamente calquera proxecto ou pretensión de ampliación da superficie portuaria a través de novos aterramentos ou recheos.
Neste sentido, o edil demanda que se aposte decididamente polo desenvolvemento da PLISAN e a súa axeitada conexión infraestrural, como fórmula que permita o crecemento ambientalmente sustentábel da actividade portuaria e o desenvolvemento de todo o seu potencial en termos produtivos e socioeconómicos.
Igrexas reclama tamén que se vele pola exclusión do uso da superficie portuaria, nomeadamente aqueles con acceso directo á lámina de auga, por parte de actividades potencialmente contaminantes. Ademais, insta a que se promova unha efectiva reordenación que evite espazos ociosos e usos inaxeitados da superficie do porto vigués.
A este respeito desde o Bloque critican tamén o «silencio cómplice» do Goberno municipal de Abel Caballero, e destacan que o Concello de Vigo inda non se pronunciou oficialmente sobre a nova DEUP, a pesar de ser interpelado polo BNG na Xerencia de Urbanismo.

