O BNG demanda de Xunta e Concello políticas para facilitar o acceso social á vivenda en Vigo

O concello nacionalista Xabier P. Igrexas.

Critican que o gasto municipal en políticas de vivenda sexa de apenas 23 céntimos por habitante ao ano

Xabier P. Igrexas urxe a posta en marcha dun Parque Público de Vivenda Social na cidade

O Bloque Nacionalista Galego volveu reiterar hoxe a demanda de que tanto o Concello de Vigo como a Xunta de Galiza tomen medidas e articulen políticas destinadas a facilitar o acceso social á vivenda na cidade. O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou que a política municipal nesta cuestión se limita a un investimento «ridículo» de 23 céntimos por habitante e ano e que o Goberno galego «non fai absolutamente nada» en materia de vivenda social na principal cidade do País.

- Publicidad -
LETRAS GALEGAS 2024

Igrexas fíxose eco do último informe publicado polo Observatorio de Recursos Urbanos no que se recolle que a cidade de Vigo dedicou apenas 23 céntimos de euro por habitante o pasado ano en políticas de vivenda. «Esa é a política de Vivenda do Goberno de Abel Caballero, nunha cidade con 4.700 persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida, e onde malia existir 18.500 pisos baleiros producíronse 600 desafiuzamentos o ano pasado. 600 desaloxos sen alternativa habitacional», afeou o portavoz municipal nacionalista. 

A esta situación engádese a escalada continuada dos prezos tanto de venda como de alugueiro de vivendas que está a provocar, segundo apunto o edil, que moitas persoas teñan que mudarse a outros concellos por non poder permitirse enfrontar eses custos.

Ao desleixo municipal neste ámbito engádese «a nula política de vivenda» despregada pola Xunta na principal cidade de Galiza, a pesar de se tratar dunha competencia de carácter autonómico. «A política da Xunta de Feixoo con Vigo redúcese a lonas publicitarias e propaganda, do resto total abandono», resumiu.

Neste sentido, a fronte nacionalista volveu reclamar que Concello e Xunta actúen e cooperen para poñeren en marcha un Parque Público de Vivenda Social en Vigo, que garanta «o primeiro dereito de calquera cidadá e calquera cidadán que é o de poder habitar a cidade, o de ter un teito baixo o que vivir».