O BNG demanda a prometida biblioteca para Teis como primeiro paso para unha rede municipal en todos os barrios

No Día das Bibliotecas, a fronte nacionalista reitera a necesidade de dotar dun mínimo de 20 bibliotecas municipais á cidade, que hoxe só conta coa Neiras Vilas no Calvario impulsada polo Bloque en 2011

O Bloque Nacionalista Galego demanda despregar unha rede municipal de bibliotecas en todos os barrios e parroquias de Vigo, a principiar pola anunciada e prometida en máis de 20 ocasións en Teis durante os últimos 9 anos. No Día das Bibliotecas, a fronte nacionalista reitera a necesidade de dotar cun mínimo de 20 á cidade, para cumprir así coas recomendacións dos principais organismos internacionais na materia.

A concelleira nacionalista, Ana Martínez, chamou nese sentido a retomar o proxecto iniciado polo propio BNG desde a concellaría de Cultura en 2011 coa apertura da biblioteca Neiras Vilas do Calvario, primeiro paso desta rede municipal. “Infelizmente, o Goberno de Abel Caballero abandonou esta iniciativa e durante máis dunha década só abriu salas de lecturas, espazos baleiros nos que non hai libros que ler nin persoal bibliotecario”, lamentou.

Martínez subliñou que para atender a demanda deste servizo en toda a cidade é necesario dotar cada 15 mil habitantes como mínimo dunha biblioteca, tal como estabeleceu o ministerio de Cultura e aconsellan entidades de referencia no sector como a Asociación Internacional de Bibliotecas, a Federación Internacional de Asociaciones de Bibliotecarios ou a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galiza.

En comparación con outras cidades do Estado, afeou que Vigo sexa a única urbe de máis de 200 mil habitantes que só conta cunha biblioteca municipal, mentres outras con similar poboación contan cun mínimo 5. “É por iso que dende BNG urximos un cambio radical das políticas anticulturais do Concello”, esixiu.

A concelleira nacionalista chamou así a facer unha aposta decidida pola cultura e a lectura fronte a un Goberno de Caballero “alérxico aos libros”. Reiterou nese sentido o total apoio do BNG ás reivindicacións da veciñanza de Teis, que este martes ten convocada unha nova concentración para reclamar a prometida biblioteca municipal no barrio. “O alcalde ten que deixarse de contos e anuncios tras 9 anos de promesas incumpridas”, reclamou.