A fronte nacionalista mantivo un encontro virtual con 13 representantes de diferentes sectores e ámbitos da cultura viguesa, para poñer en común a necesidade dun cambio de rumo na política cultural do Concello
A través dunha moción propoñen un decálogo con liñas de actuación concretas para despregar “un parapeto municipal” que protexa a cultura como sector estratéxico para a cidade
Xabier P. Igrexas: “Non é momento de destinar 325 mil euros de diñeiro publico á Igrexa Católica para financiar proxectos, que non nos parecen necesarios, como instalar un grande Sagrado Corazón de Xesús na Guía, senón de apuntalar a cultura en Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego volverá demandar a posta en marcha en Vigo de medidas urxentes de apoio municipal ao tecido e industria cultural da cidade, para enfrontar os efectos derivados da crise da Covid19. Farao a través dunha nova moción que debaterá no Pleno convocado para mañá, mércores. A iniciativa foi presentada en rolda de prensa esta mañá polo concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, decorrida ao remate dun encontro virtual que mantivo con 13 representantes de diferentes ámbitos culturais.
Na xuntanza tomaron parte a escritora, María Reimóndez; o crítico teatral, Manuel Xestoso; o responsábel da Sala Ártica, Marcos Alonso; o director de cinema, Alberte Mera; o codirector do festival Sinsal, Luís Campos; o director do Espazo Cubo, Alfonso Freire; o actor e director teatral, Xerome Calero; o músico Charles Rapante; a actriz, Rocío Salgado; a editora, Silvia Pérez; a libreira, Maribel Tato, e representantes dos colectivos Comunidade Vigo e A Colectiva, Rafael Garrido e Iria Vázquez, respectivamente.
No encontro realizouse unha posta en común sobre a situación “crítica” das políticas culturais en Vigo, concluíndose que é urxente despregar medidas e axudas concretas en favor do sector diante dos gravísimos efectos derivados da crise do coronavirus.
Igrexas lembrou que o pasado 29 de abril o Pleno da Corporación xa aprobou, sen ningún voto en contra, unha moción promovida polo BNG na que se demaban medidas extraordinarias de apoio e impulso ao tecido cultural a consecuencia da Covid19. No entanto, o portavoz municipal nacionalista lamentou que “o Goberno municipal non ten executado practicamente ningunha das medidas recollidas nesa moción”. «Unha inacción, que sumada á omisión da Xunta e do Goberno español, ten deixado ao tecido cultural á intemperie, colocando un número importante de colectivos, profesionais e empresas dedicadas á creación cultural ao borde do colapso”.
O edil nacionalista esixiu que o Goberno local “deixe de ollar a outro lado e de virarlle ás costas a quen crea e difunde cultura na cidade”. Igrexas subliñou que para o BNG “a cultura debe ser tratada como un ben esencial, xa que sen cultura non hai cidadanía, e sen cidadanía non pode haber cidade”. Aliás, volveu reclamar un esforzo decidido por “democratizar o acceso social á cultura” achegándoa, nas súas diversas manifestacións e expresións, ás clases populares e traballadoras.
«Desde logo non é momento de destinar 325 mil euros de diñeiro publico á Igrexa Católica para financiar proxectos, que non nos parecen necesarios, como instalar un grande Sagrado Corazón de Xesús na Guía, senón de apuntalar a cultura en Vigo», remachou Igrexas.

