O BNG de Vigo urxe unha folla de ruta para evitar que os 200 millóns de remanentes municipais queden bloqueados

Igrexas, na sala de plenos.

A fronte nacionalista critica o “irresponsable silencio” do Goberno municipal diante das interpelacións do Bloque sobre as medidas para evitar a inmobilización destes fondos pola previsible fin da suspensión da regra de gasto

O Bloque Nacionalista Galego urxe unha folla de ruta para evitar que os remanente do Concello de Vigo, preto de 200 millóns de euros, queden bloqueados pola previsible fin da suspensión da regra de gasto. A fronte nacionalista critica o “clamoroso e irresponsable silencio” do Goberno de Abel Caballero diante das interpelacións do Bloque nas últimas semanas, tanto na Comisión Informativa de Orzamentos como no Pleno, sobre as medidas que vai adoptar para impedir que estes fondos queden inmobilizados.

“É claro que son moitas as necesidades de dotacións, infraestruturas e de mellora de servizos municipais que poderían e deberían atenderse con eses recursos, que son de todas as viguesas e vigueses”, subliñou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrando que unha vez levantada a suspensión da regra de gasto, legalmente só poderán usarse estes remanentes para financiar débeda que Vigo non ten.

Igrexas responsabilizou ao Goberno de Caballero desta situación pola “inexecución récord” dos orzamentos municipais nos últimos 4 anos, cun total de 436 millóns de euros sen gastar. “É consecuencia da falla de xestión, con proxectos e actuacións mil veces prometidas que ficaron en papel mollado, con vistosas infografías e algún titulares pero nada máis”, afeou.

Por estes motivos, dende o BNG consideran da “máxima urxencia” trazar unha folla de ruta nestes primeiros días do ano que permita incorporar estes remanentes nas contas do Concello do presente exercicio para atender as “necesidades reais” da cidade. “Non nos podemos permitir o luxo de ter estes recursos nunha caixa con cadeado pola incapacidade do Goberno municipal”, advertiu o portavoz nacionalista.