O BNG de Vigo urxe poñer en marcha o ‘dispositivo de frío’ para que ningunha persoa morra de frío na rúa

A fronte nacionalista anuncia que vai interpelar ao goberno de Caballero tras constatar a presenza de persoas durmindo na rúa neste contexto de temporal e baixas temperaturas

Xabier P. Igrexas: “É momento de despregar todos os recursos para brindar a maior asistencia e axuda ás persoas sen fogar”

O Bloque Nacionalista Galego urxe ao Goberno municipal a posta en marcha do ‘dispositivo de frío’ para evitar que ningunha persoa morra de frío nas rúas de Vigo. A fronte nacionalista anuncia que vai interpelar ao goberno de Abel Caballero na vindeira Comisión Informativa de Benestar Social, prevista para este mércores, para que aclare se este servizo xa está activo ou cando ten previsto facelo.

“Neste contexto de temporal, con frío e choiva, infelizmente continuamos a ver persoas sen fogar que seguen tendo que durmir á intemperie, poñendo en risco a súa saúde e a súa integridade física”, denunciou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que alertou da presenza de persoas á intemperie, entre outros, na contorna de Jenaro de la Fuente, Serafín Avendaño ou rúa Venezuela “mesmo o día do grande acendido das luces de nadal”.

Igrexas chamou nese sentido a “despregar todos os recursos do Concello para brindar a maior asistencia e axuda ás persoas sen fogar”. O edil do BNG advertiu de que é “fundamental” a posta en marcha do chamado dispositivo de frío para “evitar que na nosa cidade ningunha persoa morra na rúa de frío”, como ocorreu en anteriores invernos.

Desde a fronte nacionalista reiteraron a necesidade dun maior esforzo municipal e de actuacións urxentes para combater os graves efectos da actual crise social, en especial sobre as persoas máis vulnerábeis.