O BNG de Vigo urxe ao Concello a cumprir a ordenanza municipal de normalización lingüística que fixa o galego como idioma oficial

Igrexas nunha rolda de prensa.

O voceiro nacionalista, Xabier P. Igrexas, lamenta que o alcalde non faga uso do idioma nas súas comparecencias diarias

Urxe a Xunta e ao Estado central a poñer fin a políticas que califica de «lingüicidas»

O voceiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, urxiu hoxe ao Concello a cumprir a ordenanza municipal de normalización lingüística que fixa o galego como idioma oficial.

Neste sentido, Igrexas recordou que esta norma foi aprobada cun amplo consenso na década dos 80, e lamentou «o desprezo diario», empezando polo propio alcalde Abel Caballero, ao idioma, ao utilizar en exclusiva o español nas súas comparecencias públicas. «Avogamos por poñer fin ao fenómeno de roldas de prensa diarios excluíndo o galego», incidiu, engadindo que «o galego non é unha lingua de ceremonia para a sesión plenaria«.

Así mesmo, o voceiro nacionalista demandou a todas as administracións a defensa da lingua e un «maior compromiso co seu uso». «Que o Goberno estatal recoñeza de maneira efectiva a plurinacionalidade e o carácter plurilingüísta. E que a Xunta abandone a política pola que está esmagando a nosa lingua propia nos últimos 11 anos», valorou o concelleiro do BNG, lamentando o que, segundo di, son «políticas lingïicidas».