A fronte nacionalista tacha de “indecente” que o Goberno municipal pretenda recortar as axudas sociais municipais un 22% no actual contexto de agravamento da crise e aumento do empobrecemento e a pobreza
Propón nas emendas ao proxecto de orzamentos un aumento das partidas sociais, das becas de comedor e libros, medidas para facilitar o acceso á vivenda e máis recursos para o emprego e o comercio local
Xabier P. Igrexas: “Cun presuposto récord do que presume Caballero, o BNG cremos que hai que facer un esforzo tamén récord para facermos do Concello un parapeto social contra a crise”
O Bloque Nacionalista Galego reclama un esforzo “récord” en política social fronte ao tesoirazo do goberno de Abel Caballero para 2023. A fronte nacionalista considera “indecente” que o Goberno local recorte as axudas sociais até un 22% pese o agravamento da pobreza, polo que reclama nas emendas ao proxecto de orzamentos municipais converter nunha prioridade o combate da crise e os seus graves efectos sobre a maioría de fogares da cidade.
“Cun presuposto récord do que presume Caballero, o BNG cremos que hai que facer un esforzo tamén récord para facer do Concello un verdadeiro parapeto social contra a crise”, defendeu o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que acusou ao alcalde de ocultar con “mentiras e falsidades” o recorte das políticas sociais na súa proposta de contas para o vindeiro ano.
Igrexas afeou que o Goberno municipal pretenda destinar máis recursos a anuncios institucionais que a axudas sociais, que pasan no proxecto de orzamentos do PSOE dos 1,5 millóns de euros actuais a apenas 1,1 millóns. “Un tesoirazo antisocial cando en Vigo hai 60 mil persoas en risco de exclusión e pobreza, máis de 20 mil no desemprego, con filas da fame e centos de familias tendo que acudir a comedores sociais ou organizacións asistenciais para garantir a súa alimentación”, denunciou.

